A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade participou en sendas mesas sectoriais con representantes de ambos sectores

A Xunta avanza no deseño de medidas destinadas a reducir o residuo alimentario en colaboración co sector da distribución e os fogares

As achegas, propostas e suxestións recibidas permitirán enriquecer as liñas estratéxicas do futuro Plan de prevención e xestión do residuo alimentario que está a preparar a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

O obxectivo é avanzar cara a un modelo alimentario máis eficiente e sostible, en consonancia cos principios da economía circular e cos obxectivos establecidos pola normativa estatal en materia de prevención das perdas e do desperdicio alimentario

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026

A Xunta de Galicia segue dando pasos para o deseño de medidas que contribúan a reducir os residuos alimentarios e, nesa liña, esta semana a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, mantivo sendas mesas sectoriais con representantes dos sector da distribución alimentaria e dos fogares.

Durante eses encontros recolléronse achegas, propostas e suxestións que permitirán enriquecer as liñas estratéxicas do proxecto do futuro Plan de prevención e xestión do residuo alimentario (PREXERA), que está a preparar a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O obxectivo deste instrumento é avanzar cara a un modelo máis eficiente e sostible, promovendo un maior aproveitamento dos recursos e reducindo a cantidade de alimentos que acaban converténdose en residuos, en consonancia cos principios da economía circular e cos obxectivos establecidos pola normativa estatal.

En concreto, no caso da mesa sectorial co sector da distribución alimentaria, participaron representantes empresariais, asociacións sectoriais e outras entidades relacionadas coa xestión e aproveitamento dos alimentos. Durante a reunión abordáronse cuestións vinculadas á prevención da xeración de excedentes, á mellora da planificación e da xestión de stocks, aos mecanismos de doazón e redistribución de alimentos e á identificación de boas prácticas orientadas á redución do residuo alimentario.

Pola súa banda, a mesa sectorial do fogar permitiu recoller a visión de entidades sociais, organizacións de consumidores e outros axentes relacionados cos hábitos de consumo alimentario. Entre os temas tratados figuraron a planificación das compras, o aproveitamento dos alimentos, a interpretación das datas de consumo preferente e caducidade, así como as necesidades de información, formación e sensibilización da cidadanía.

Estes encontros sumáronse ao celebrado o pasado mes de setembro con representantes do canal Horeca -acrónimo utilizado en Europa para referirse ao sector e que agrupa a hoteis, restaurantes, cafeterías e empresas de catering-. Naquela reunión, abordáronse aspectos relacionados co marxe de mellora existente para previr a xeración desde os propios establecementos (axustando as compras, adaptando racións, informando á clientela...) e para favorecer o aproveitamento dos excedentes aptos para o consumo humano mediante a súa doazón e redistribución a través de bancos de alimentos e entidades sociais e mellorar a xestión dos residuos alimentarios que finalmente se xeren.

No seu conxunto, as tres mesas sectoriais celebradas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para avanzar na prevención e xestión dos residuos do sector alimentario en Galicia permiten contrastar os primeiros resultados da diagnose, coñecer mellor as necesidades de cada sector, identificar retos e posibles medidas e recoller boas prácticas xa implantadas.

Este traballo participativo completarase coa recollida de información estatística que a Xunta está a desenvolver en colaboración co Instituto Galego de Estatística (IGE), mediante a realización dun total de 1.800 enquisas a fogares e aos sectores da distribución e da restauración. Os resultados destas enquisas permitirán completar a diagnose cunha base de datos máis sólida e representativa da realidade galega, sobre a que definir as futuras medidas do PREXERA.

A Xunta aposta así, unha vez máis, por instrumentos de participación cos que fomentar a colaboración entre administracións públicas e entidades privadas, sen esquecer tampouco á sociedade civil, á hora de deseñar e poñer en marcha medidas para acadar un mellor aproveitamento das distintas fraccións de residuos, como xa fixo tamén nas últimas semanas no caso dos refugallos téxtiles e dos procedentes do sector da construción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2026