A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou deste trámite que publica hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia
A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico para desenvolver solo residencial en Cangas de Morrazo onde construír 300 vivendas
Este contrato para a redacción do proxecto licítase por importe de máis de 240.000€ e as empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 17 de decembro
O ámbito no que se desenvolverá solo correspóndese coa zona das Saíñas e ao menos o 80% das vivendas que se construirán serán protexidas con cualificación permanente
O ámbito limita ao norte coa rotonda da Rúa; sur, vivendas e centro de día, xunto á estrada PO-551; leste, coa PO-554; oeste, barrios do Espírito Santo e Rapadouro
A Xunta ten en marcha 13 Proxectos de Interese Autonómico en 12 concellos galegos para habilitar solo residencial no que poder construír vivendas
Cangas de Morrazo (Pontevedra), 16 de outubro de 2026
A Xunta licita a redacción do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) para desenvolver solo residencial en Cangas de Morrazo para construír 300 vivendas, a maioría protexidas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou esta tarde deste trámite que publica hoxe a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.
Este contrato, que se licita por un importe de máis de 240.000€, ten como obxectivo elaborar o proxecto para a obtención de solo destinado á construción destas vivendas no ámbito das Saíñas. As empresas poderán presentar as súas correspondentes ofertas ata o vindeiro 17 de decembro.
Ao menos o 80% das vivendas que se construirán nesta zona serán protexidas con cualificación permanente, e a cifra pode acadar o 100% se así o decide o Concello.
O ámbito das Saíñas conta cos seguintes límites: ao norte, camiño e rotonda da Rúa; sur, vivendas, terreos e centro de día de Cangas, xunto a estrada PO-551; leste, estrada PO-554; oeste, barrios do Espírito Santo e do Rapadouro. O ámbito é atravesado de norte a sur polo rego das Saíñas, elemento natural vertebrador dun parque fluvial que constituirá o eixo da ordenación.
Con este de Cangas de Morrazo son xa 13 os Proxectos de Interese Autonómico que o Goberno galego ten en marcha en 12 concellos en Galicia. Están aprobados inicialmente os PIA para desenvolver os ámbitos en Lugo, Vigo, Arteixo, Pontevedra, Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela e en tramitación Marín, O Porriño, outro en Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo e este de Cangas.