Rueda conversa co cirurxián Diego González Rivas no cuarto episodio do seu podcast Galicia Calidade

Abordaron cuestións como o futuro da medicina ou as fortalezas e debilidade do sistema sanitario público

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, conversará co cirurxián galego Diego González Rivas no cuarto episodio do seu podcast Galicia Calidade, que se lanza hoxe a través da canle de youtube da Xunta de Galicia e das redes sociais.

Na entrevista, abordaron cuestións como a creación da súa técnica minimamente invasiva, coñecida como Uniportal VATS, que o médico galego levou a preto de 150 países do mundo a través das súas formacións e das operacións que el mesmo realiza. De feito, esta técnica foi empregada recentemente na operación do Papa Leon XIV, tal e como confirmou o propio González Rivas.

Ademais, trataron outros temas como a vocación necesaria para ser un bo médico, que foi o que lle motivou para emprender este camiño ou sobre o futuro da medicina. Tamén falaron sobre as fortalezas e debilidades do sistema sanitario público.

Podcast Galicia Calidade

A iniciativa deste podcast consiste nunha entrevista mensual a referentes da sociedade galega en distintos ámbitos como a ciencia, a medicina, o deporte, a cultura, a comunicación ou a empresa. Busca chamar a atención sobre todo o talento e potencial da comunidade -a Galicia Calidade- e poñer en valor os logros dun territorio competitivo, innovador e inclusivo.

Nos tres episodios anteriores, os entrevistados foron o pediatra Federico Martinón, a triatleta e campioa paralímpica Susana Rodríguez Gacio, e o xornalista Álex Fidalgo.

Os contidos artéllanse en torno a unha conversa informal entre o presidente e o invitado ou invitada, nas que se fala da súa traxectoria, dos retos que ten por diante a comunidade autónoma e da súa visión de Galicia. A entrevista sempre remata cunhas cuestións persoais e fixas para todos os entrevistados/as.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/10/2026