A Xunta e a Universidade da Coruña inciden na importancia da práctica de exercicio na saúde dos escolares

A Cátedra SXD Galicia Activa dedicou a súa VII Xornada ao ‘Papel da condición física relacionada coa saúde no currículo escolar’

A Fundación Deporte Galego deu a coñecer as iniciativas Proxectos de Vida Activa e Deportiva para promover hábitos saudables e a ferramenta DAFIS para avaliar o estado físico do alumnado

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2026

A Cátedra SXD Galicia Activa, impulsada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Deporte Galego e pola Universidade da Coruña, dedicou hoxe a súa VII Xornada á condición física como indicador de saúde na idade escolar e ao papel da Educación Física na adquisición de hábitos saudables desde a infancia. Baixo o título O papel da condición física relacionada coa saúde no currículo escolar, a xornada reuniu na Cidade da Cultura profesionais da investigación, da Administración e da docencia para analizar a importancia da condición física na etapa escolar e as posibilidades de incorporar este coñecemento á práctica educativa.

Durante o encontro, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer algúns dos programas que a Xunta desenvolve para promover a saúde e os hábitos activos desde a infancia, tanto desde o ámbito sanitario como desde o deportivo. Neste contexto, Carolina Muñoz Ibáñez, xefa do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, abordou os programas de alimentación e promoción de hábitos de vida saudables no ámbito escolar.

Pola súa banda, Miguel Rodríguez del Corral, da Fundación Deporte Galego, presentou os Proxectos de Vida Activa e Deportiva (PVAD), cos que o Goberno autonómico fomenta a práctica regular de actividade física e a adquisición de hábitos activos e saudables nos centros educativos galegos.

A xornada incluíu tamén a participación de Eliseo Iglesias Soler, profesor titular da Universidade da Coruña e director da Cátedra SXD Galicia Activa, sobre a traxectoria de DAFIS, ferramenta da Xunta que permite avaliar a condición física relacionada coa saúde da poboación escolar. Nesta liña, e a partir de valores de referencia e criterios de saúde, facilita a elaboración de informes individuais, a identificación de necesidades e o seguimento da evolución do alumnado.

O programa completouse coas intervencións de Alberto Dorado Suárez, da Universidade de Castilla-La Mancha, e Mónica Mourelle Zas, profesora de Educación Física, que analizan a condición física na idade escolar e a súa aplicación no ámbito educativo. Ademais, José Felipe González Álvarez, Fernando Quinteiro López e Alberto Casal Lamas comparten experiencias e boas prácticas desenvolvidas en centros educativos galegos.

Oito anos de investigación, formación e transferencia de coñecemento

Desde a súa posta en marcha en setembro de 2018, a Cátedra SXD Galicia Activa vén desenvolvendo un labor de conexión entre o coñecemento científico e a súa aplicación na sociedade, promovendo o intercambio de experiencias entre profesionais dos ámbitos académico, deportivo, educativo e sanitario. As súas xornadas convertéronse nun punto de encontro para analizar diferentes cuestións relacionadas coa actividade física e a saúde, favorecer a transferencia de coñecemento e debater sobre os retos da promoción de estilos de vida activos.

Entre as súas principais liñas de actuación figuran a divulgación dos beneficios da práctica regular de actividade física, a formación de profesionais, a investigación sobre o exercicio físico como ferramenta de prevención de enfermidades crónicas non transmisibles e a colaboración no seguimento e avaliación de iniciativas do Plan Galicia Saudable.

Nas seis edicións precedentes, as xornadas abordaron diferentes ámbitos da relación entre exercicio físico e saúde, como a actividade física nas distintas etapas da vida, a saúde no deporte de alto nivel ou o exercicio físico e o cancro.

Data de actualización: 17/10/2026