O conselleiro de Sanidade interveu no Pleno do Parlamento para falar das estratexias do Goberno galego en relación ás listas de espera
Gómez Caamaño subliña que os orzamentos da Consellería de Sanidade superan por primeira vez os 6.000 M€ coa redución das listas de espera como prioridade absoluta
Incide en que o Goberno galego está a actuar para reforzar a actividade asistencial e reducir as esperas, logo da suspensión de 215.000 actos asistenciais por mor das folgas contra a reforma estatal do Estatuto Marco no primeiro semestre
Ante os paros, a primeira decisión do Servizo Galego de Saúde foi preservar a atención de maior necesidade clínica, detalla
Pon en valor que, no primeiro semestre deste ano, o Servizo Galego de Saúde realizou 18.096 intervencións urxentes, máis de 1.500 máis que o ano anterior
Sinala que a demora media das operacións de prioridade 1 foi de 22,2 días, por baixo da referencia de 30 días
As vías rápidas por sospeita de cancro atenderon 14.570 pacientes, case un 8 % máis, cunha espera media de 6,6 días
Cos orzamentos de Sanidade para o vindeiro ano, que se incrementan un 6,35 %, o Goberno galego acredita o seu compromiso coa sanidade pública galega
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe, no Pleno do Parlamento, que os orzamentos da Consellería de Sanidade superan por primeira vez os 6.000 millóns de euros, cun incremento do 6,35 % e coa redución das listas de espera como prioridade absoluta.
En resposta a unha interpelación dun dos grupos da Cámara, o titular de Sanidade amosou a súa preocupación polo efecto causado pola reforma do Estatuto Marco do Goberno central nos tempos de acceso á sanidade pública e, por iso, o Servizo Galego de Saúde está a actuar para reforzar a actividade asistencial e reducir as esperas.
Como consecuencia dos 25 días laborables da folga dos médicos do primeiro semestre do ano, en Galicia suspendéronse preto de 215.000 actos asistenciais. O conselleiro incidiu en que as folgas romperon unha evolución positiva no Servizo Galego de Saúde, onde non só se estaban a reducir os tempos senón que, ademais, se realizaba cada vez máis actividade.
Deste xeito, antes dos paros contra a reforma do Ministerio, a 30 de novembro do pasado ano, o Sergas levaba realizadas 4.263 intervencións máis que un ano antes e a demora cirúrxica era 1,1 días inferior.
Ante a sucesión de folgas, o conselleiro explicou que a primeira decisión do seu departamento foi preservar a atención de maior necesidade clínica. En consecuencia, no primeiro semestre deste ano realizáronse 18.096 intervencións urxentes, máis de 1.500 adicionais respecto do ano anterior. Ademais, a demora media das operacións de prioridade 1 foi de 22,2 días, por baixo da referencia de 30 días.
Xunto ao anterior, as vías rápidas por sospeita de cancro atenderon 14.570 pacientes, case un 8 % máis, cunha espera media de 6,6 días.
Estes resultados amosan, segundo referiu o conselleiro, que se primou e protexeu a atención prioritaria nun contexto de actividade programada interrompida. Aproveitou, nesta liña, para recoñecer o esforzo dos profesionais.
Medidas postas en marcha
Como consecuencia dos paros médicos, o conselleiro detallou que o Servizo Galego de Saúde reorganizou as axendas e reprogramou a atención cancelada, compatibilizándoa cos novos procesos e coa súa prioridade clínica. Así mesmo, reforzáronse os servizos con maior demora e traballouse para incrementar a capacidade cirúrxica en xornada ordinaria de tarde.
A resposta do Sergas ante esta situación motivada pola folga está a combinar persoal, organización e medios. Recuperar as citas, aproveitar a capacidade dos centros e concentrar o reforzo onde existe máis presión, son decisións de xestión que o departamento sanitario galego está a tomar, tal e como explicou Gómez Caamaño.
O conselleiro remarcou que non se pode impoñer un Estatuto Marco do persoal sanitario que rexeitan frontalmente os médicos de toda España, e non se pode eludir o diálogo coas comunidades autónomas que xestionan o día a día da prestación sanitaria, tal e como está a facer o Goberno central.
Respecto da información dos datos de lista de espera, o máximo responsable do Sergas subliñou que a posición do seu departamento é rexistrar con rigor, informar con claridade e mellorar a asistencia, mantendo indicadores comparables. Así mesmo, amosouse a favor de calquera mellora do modelo de información que se aprobe de xeito consensuado.
Para concluír a súa intervención, reiterou que, cos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano, o Goberno galego acredita o seu compromiso coa sanidade pública galega non só no seu propósito de reducir as listas de espera, agravadas polas folgas médicas contra o Estatuto Marco, senón, tamén, para seguir coa reforma da atención primaria, o desenvolvemento do novo Plan de Saúde Mental e co mantemento do calendario vacinal máis completo do mundo.