A Xunta destaca o papel das políticas públicas para impulsar a competitividade e calidade do sector vitivinícola galego

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou nunha xornada do CES Galicia sobre o futuro do sector do viño, na que salientou os selos de calidade diferenciada e as medidas de apoio á produción, organización do sector e promoción

Sober (Lugo), 21 de outubro de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, destacou hoxe o papel das políticas públicas para impulsar a competitividade, a calidade e a proxección exterior do sector vitivinícola galego, durante a súa participación nunha xornada organizada polo Consello Económico e Social (CES) de Galicia sobre o futuro desta actividade.

Na súa intervención, puxo en valor o apoio da Xunta a un sector estratéxico pola súa contribución económica, á creación de emprego e ao desenvolvemento rural. Neste sentido, destacou as liñas de axuda á reestruturación e reconversión do viñedo, á transformación e comercialización dos produtos vitivinícolas e á promoción en terceiros países, así como as medidas específicas para a conservación da paisaxe e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra.

Así mesmo, salientou o protagonismo do viño dentro da calidade diferenciada galega, con cinco denominacións de orixe e cinco indicacións xeográficas protexidas que identifican e protexen producións vinculadas ao territorio e ás variedades tradicionais. Neste ámbito, destacou tamén o apoio da Xunta á estrutura e organización do sector, mediante axudas ao funcionamento dos consellos reguladores, ao control e certificación da calidade e á promoción dos produtos amparados.

No eido promocional, destacou a aposta pola internacionalización e a procura de novas oportunidades comerciais, lembrando que os viños galegos con calidade diferenciada forman parte de Aquí Sabemos, a marca que engloba a estratexia de promoción dos Alimentos de Calidade Diferenciada de Galicia, para reforzar o seu recoñecemento entre os consumidores e poñer en valor a súa calidade, orixe e autenticidade.

Por outra banda, puxo en valor o labor da Axencia na investigación, innovación, formación e transferencia de coñecemento, especialmente a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), para mellorar a competitividade e favorecer a adaptación do sector aos novos desafíos produtivos e comerciais.

Finalmente, destacou a singularidade da viticultura da Ribeira Sacra e incidiu na necesidade de afrontar retos como a evolución do consumo, a remuda xeracional e a rendibilidade das explotacións. Neste sentido, salientou que o futuro da viticultura galega pasa por conseguir que a calidade e o prestixio dos seus viños se traduzan tamén en maior valor económico para os viticultores e en oportunidades para o medio rural.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2026