A Xunta incide na importancia do comercio local como axente dinamizador da economía do territorio

A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o establecemento Valero Óptica y Audiología, en Narón, beneficiario das axudas para o impulso da dixitalización, da modernización e da sostibilidade do comercio local

Narón (A Coruña), 21 de outubro de 2026

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe en Narón o establecemento Valero Óptica y Audiología, un dos negocios da área territorial beneficiarios da última convocatoria de axudas para o impulso da dixitalización, da modernización e da sostibilidade do comercio local que convoca a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Este negocio vén de percibir unha achega de máis de 18.000 euros para o acondicionamento do seu novo local, incluído mobiliario, decoración e a mellora dos sistemas de climatización e iluminación.

Aneiros explicou que esta orde, que dispuxo dun orzamento de 3,9 M€ este ano, conta con tres liñas de axudas. A de dixitalización e innovación comercial, dentro da que se financian actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital ou loxística e-commerce, entre outros servizos. A través da liña de modernización comercial sufráganse aquelas actuacións dirixidas á mellora da imaxe, eficiencia do local e os recursos e calidade do produto final como obras de reforma, proxectos de interiorismo ou adquisición de maquinaria. Finalmente, coa liña de sostibilidade ambiental fináncianse as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe.

Nos tres casos, a intensidade da subvención é do 80 % do investimento máximo subvencionable, unha das novidades introducidas na convocatoria deste ano coa que o Goberno galego pretende garantir a competitividade no sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/10/2026