Villares dá a benvida aos novos docentes que se incorporan este curso aos centros públicos de Lugo
Lugo, 21 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia incorporou este curso 113 novos docentes aos centros de ensino públicos da provincia de Lugo; dese total, 53 son mestres de Educación Infantil e Primaria, 56 de Secundaria e catro corresponden a sectores singulares de Formación Profesional.
Tras superar o proceso selectivo no verán, iniciaron en setembro o seu primeiro curso como funcionarios en prácticas para completar a súa formación, que inclúe dúas xornadas sobre o funcionamento da Administración educativa.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, deu hoxe a benvida ao preto dun centenar de profesores e profesoras que se reuniron na Delegación Territorial para asistir á segunda e última sesión, na que interviñeron representantes da Inspección e de Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.