A Xunta premia seis proxectos no concurso Eduemprende Idea 2026 para fomentar o espírito emprendedor entre o alumnado de FP
O DOG publica hoxe a concesión de distincións a propostas procedentes de alumnas e alumnos do IES Sardiñeira da Coruña, CIFP Politécnico de Santiago, CIFP As Mercedes de Lugo, CIFP Paseo das Pontes da Coruña e IES Indalecio Pérez Tizón de Tui
O certame diríxese ao alumnado de Formación Profesional, de ensinanzas deportivas, de artes plásticas e de deseño da Comunidade
O Goberno galego destina 12.000 euros en premios a estes galardóns e a posibilidade de que os proxectos se incorporen aos viveiros de empresa en centros educativos e reciban asesoramento da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración pola que se recoñecen seis proxectos emprendedores no marco do concurso Eduemprende Idea 2026, unha iniciativa coa que se promove a creación de proxectos empresariais no ámbito escolar e se fomenta o espírito emprendedor entre o alumnado. Nesta edición os galardóns recaeron en propostas de alumnas e alumnos do IES Sardiñeira da Coruña, do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, do CIFP As Mercedes de Lugo, do CIFP Paseo das Pontes da Coruña e do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui.
O certame, dotado cun total de 12.000 euros —3.000, 2.000 e 1.000 euros respectivamente para os primeiros, segundos e terceiros premios— estaba aberto ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos de Formación Profesional, de ensinanzas deportivas e de artes plásticas e de deseño da Comunidade. Os galardóns estrutúranse en dúas modalidades: a primeira, destinada aos ciclos de grao superior, e a segunda, aos ciclos de grao medio, con recoñecemento para os tres mellores proxectos de cada categoría.
Proxectos premiados
No caso da primeira categoría, correspondente aos ciclos de grao superior, o primeiro premio foi para Plasticrab, integrado por tres alumnas do IES Sardiñeira da Coruña. O proxecto céntrase na revalorización de residuos das industrias pesqueira e láctea galegas para producir envases ríxidos e filmes adherentes de bioplástico de quitosano de alto valor engadido.
O segundo premio recaeu en Protenord, de dous alumnos do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. A iniciativa propón crear unha empresa de biotecnoloxía aplicada ao sector primario, enfocada na cría e procesamento de larvas para obter concentrado proteico e abono orgánico.
O terceiro premio foi para Corte Creativo, integrado por tres alumnos do CIFP As Mercedes de Lugo. O proxecto consiste no deseño e fabricación de produtos personalizados relacionados co turismo en Galicia mediante tecnoloxías de corte e gravado láser.
Pola súa banda, na categoría destinada aos ciclos de grao medio, o primeiro premio lévao Hygrorock, de tres alumnas do CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. A proposta baséase na fabricación de pedras que reaccionan á humidade cambiando de cor, co obxectivo de facilitar o mantemento das plantas e axudar a conservalas en boas condicións.
O segundo premio correspondeulle a Jerky Beef Bites, integrado por tres alumnos do CIFP Paseo das Pontes da Coruña. A iniciativa céntrase na elaboración e comercialización de aperitivos proteicos de carne deshidratada a partir de recortes cárnicos aproveitables que habitualmente se rexeitan nas carnicerías.
Por último, o terceiro premio foi para MarIA, de dous alumnos do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui, que propoñen a creación dunha empresa de intelixencia artificial especializada exclusivamente no sector marítimo galego.
Os proxectos gañadores poderán incorporarse aos viveiros de empresa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e recibir asesoramento técnico a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que conta con 15 oficinas activas no territorio galego.
A Xunta promove estes galardóns co obxectivo de consolidar unha cultura emprendedora na comunidade educativa, impulsar a creación de ideas innovadoras de negocio e favorecer a posta en marcha de proxectos viables, contribuíndo así a aproveitar o talento e xerar novas oportunidades en Galicia.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261022/AnuncioG0767-161026-0002_gl.html