A Xunta pon á disposición da cidadanía o programa Cores para un consumo máis consciente e responsable

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, recibiron hoxe na sede do organismo o alumnado dos ciclos de formación profesional de Administración e Finanzas e de Xestión Administrativa do IES Fernando Wirtz Suárez, da Coruña. A visita enmárcase no programa Cores, de formación permanente da Escola Galega de Consumo, que ten como finalidade a educación para un consumo máis consciente, crítico e responsable.

A través deste programa póñense de xeito gratuíto a disposición de entidades, institucións e cidadanía en xeral obradoiros e encontros participativos sobre consumo responsable, publicidade, alimentación e etiquetado, TIC ou dereitos das persoas consumidoras. As accións —que poden ter lugar na sede do IGCC ou nas instalacións das persoas ou entidades solicitantes— forman parte da programación anual da Escola Galega de Consumo, que inclúe outras iniciativas como a atención a persoas vulnerables e maiores a través dos programas Consumo accesible e Consumo sénior, a formación de profesionais no eido do consumo e os Venres de consumo abertos á sociedade en xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2026