A Xunta realiza unha nova sementeira de ameixa babosa en Barallobre para contribuír a recuperar o marisqueo na ría de Ferrol

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participa nos traballos destinados a favorecer a reprodución desta especie e a súa produtividade

Enmárcase no convenio de 1,33 M€ que permitirá rexenerar 468.000 metros cadrados de zonas produtivas e introducir sete millóns de unidades de ameixa babosa ata 2027

Fene (A Coruña), 27 de outubro de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou hoxe nunha nova xornada de sementeira de ameixa babosa promovida pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, no marco das actuacións impulsadas pola Xunta de Galicia para recuperar a capacidade produtiva dos bancos marisqueiros da ría de Ferrol. Os traballos, desenvolvidos polas propias profesionais do sector, buscan favorecer a recuperación do recurso e contribuír á continuidade da actividade marisqueira na zona.

Esta intervención contempla a sementeira de exemplares de ameixa babosa (Venerupis corrugata) de talla comercial, co obxectivo de constituír un banco de reprodutores que favoreza a recuperación natural da especie. A actuación realízase baixo supervisión técnica e con criterios de sostibilidade, mediante a distribución controlada dos exemplares nas zonas de autorización da confraría.

A iniciativa forma parte do convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño entre a Consellería do Mar e a Confraría de Barallobre, dotado con 1.330.185,76 euros ata 2027 e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Con este convenio procúrase recuperar os bancos marisqueiros tras a elevada mortaldade de bivalvos causada pola baixada drástica de salinidade provocada polos temporais de comezos de ano. O acordo abrangue a rexeneración de 468.000 metros cadrados de superficie marisqueira entre Maniños e Barallobre e a introdución de sete millóns de unidades de ameixa babosa, especie de referencia histórica na actividade extractiva da ría.

Esta intervención intégrase no plan extraordinario activado no seu día pola Xunta e inclúe acordos de colaboración con máis dunha decena de confrarías e actuacións de rexeneración dos bancos, nun exercicio no que se prevé a sementeira de máis de 55 millóns de unidades de bivalvos en Galicia. Estes traballos compleméntanse co seguimento técnico dos bancos e coa investigación científica desenvolvida a través do estudo Bivaferrol, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/10/2026