A conselleira María José Gómez compareceu no Parlamento para explicar as contas do seu departamento para o vindeiro ano
Medio Rural aumenta o seu orzamento nun 5% ata os case 743 M€ para converter o potencial do agro en máis emprego, renda, competitividade e calidade de vida
Gómez sinala que as prioridades pasan por mellorar a rendibilidade, a modernización e a sanidade do sector agrogandeiro; intensificar os esforzos na remuda xeracional; promover a innovación e conservar, previr e xerar riqueza no monte
Subliña a convocatoria, un ano máis, das axudas de 44,1 M€ para plans de mellora, incorporación de persoas mozas e para investimentos ambientais nas explotacións e valora os 44 M€ que xestionará a Axencia Galega da Calidade Alimentaria
Destaca que se impulsará unha nova liña de axudas para proxectos piloto de innovación aplicada, dotada con 5,8 M€ para o período 2027-2029 e que persegue desenvolver novas solucións para as necesidades reais das pemes do sector
Anuncia a creación dun laboratorio especializado en sanidade forestal e pon de relevo os case 87 M€ para avanzar cara un monte máis san, diverso, produtivo e mellor preparado diante do cambio climático
Salienta os 13,4 M€ para ampliar e acondicionar bases aéreas e bases de unidades operativas fronte o lume e os máis de 105 millóns de euros para o desenvolvemento rural, en especial para mobilizar terras e mellorar infraestruturas como os camiños
Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026
A Consellería do Medio Rural incrementará nun 5 % o seu orzamento para 2027 ata chegar aos 742,9 millóns de euros, o que supón 35 millóns de euros máis. Así o destacou esta tarde a titular do departamento, María José Gómez, na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do vindeiro ano. Gómez, que estivo acompañada polos altos cargos da Consellería, sinalou que o obxectivo destes fondos é converter o potencial e as oportunidades do rural galego “en máis emprego, máis renda, máis competitividade e máis calidade de vida”. Así, a conselleira trasladou que os orzamentos do seu departamento parten da convicción clara de que “Galicia ten no seu medio rural unha das súas maiores oportunidades, tanto económicas como sociais”.
Para acadar estes obxectivos, a titular de Medio Rural marcou diferentes prioridades, que pasan, entre outras, por mellorar a rendibilidade, a modernización e a sanidade do sector agrogandeiro; intensificar os esforzos para fomentar a remuda xeracional e garantir que o rural teña futuro; promover a innovación e a industria agroalimentaria, co fin de producir máis valor en Galicia; e conservar, previr e xerar riqueza en relación coa xestión do monte galego e a loita contra os incendios forestais.
Modernización e sustentabilidade do sector agrogandeiro
En relación co sector agrogandeiro, a conselleira remarcou que a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias contará con máis de 197 millóns de euros destinados a impulsar a modernización e a sustentabilidade do sector e reforzar as garantías sanitarias. Dentro das medidas contempladas, salientan os 9,41 millóns de euros para investimentos ambientais na industria agroalimentaria, co fin de reducir emisións, incorporar enerxías renovables e aproveitar a biomasa agrícola.
Ademais, preto de 12 millóns de euros serán para impulsar o sector vitivinícola, con axudas para a reestruturación e reconversión de viñedos, a elaboración e comercialización, a promoción en terceiros países e a conservación da paisaxe na Ribeira Sacra. Tamén se apoiará o eido apícola, con 1,47 millóns de euros.
Sanidade vexetal e animal e impulso aos seguros agrarios
No terreo da sanidade vexetal, reforzarase a contención e erradicación de pragas de corentena e, no que atinxe á sanidade animal, a protección da cabana gandeira contará con 15,3 millóns de euros. Asemade, incrementarase por riba do 10 % a dotación para fomentar a contratación de seguros agrarios, ata chegar aos 10,5 millóns de euros, un millón adicional para apoiar a subscrición de pólizas. Tamén coa finalidade de mellorar as rendas dos produtores e reforzar a súa posición na cadea alimentaria, Gómez puxo en valor, como “ferramenta fundamental”, as axudas da PAC, que chegan a preto de 22.000 beneficiarios e que suplementan a dotación de fondos propios de 52,8 millóns, acadando unha cifra mobilizada duns 210 millóns de euros, a través da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria e do Fogga.
Remuda xeracional
“Non podemos falar de futuro para o rural se non somos capaces de garantir que haxa persoas dispostas a incorporarse á actividade agraria, asumir explotacións existentes, crear novas empresas e desenvolver proxectos profesionais vinculados á terra”, asegurou. Neste sentido, a conselleira subliñou que para seguir impulsando a remuda xeracional porase en marcha a convocatoria, un ano máis, da liña de axudas dotada con 44,1 millóns de euros para plans de mellora, incorporación de persoas mozas ao agro e para investimentos ambientais nas explotacións. Referiuse, así mesmo, á formación como “clave” nesta materia, afirmando que se seguirá traballando na oferta de cursos e no impulso dos Centros de formación e experimentación agraria da Consellería, lembrando que este eido e o da transferencia de coñecemento contará cunha dotación de 2,43 millóns de euros, un 33 % máis ca este ano.
Impulso á innovación e á investigación
Sobre a investigación e a innovación, un eido que se está a traballar desde a Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria, que contará cun orzamento de máis de 44 millóns de euros, a conselleira marcouse o reto de conseguir que a calidade agroalimentaria galega se traduza en “máis valor engadido, maior capacidade de transformación, mellores oportunidades comerciais e maior rendibilidade para quen produce”. Nesta liña, avanzou que se reforzará especialmente a promoción dos alimentos galegos de calidade diferenciada, con máis de 13 millóns de euros. Todo isto, fomentando a identidade común Aquí Sabemos, para promover os produtos con denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, agricultura ecolóxica e Artesanía Alimentaria.
Como novidade para 2027, impulsarase unha nova liña de axudas para proxectos piloto de innovación aplicada, dotada con 5,8 millóns de euros para o período 2027-2029. O seu obxectivo é conseguir que as pemes dos sectores agrario, gandeiro, forestal e agroalimentario poidan desenvolver solucións innovadoras ás súas necesidades reais, coa participación de entidades de investigación ou tecnolóxicas e coa transferencia dos resultados ao conxunto do sector. Ademais, destinaranse 3,34 millóns de euros a proxectos de cooperación e innovación, promovendo o traballo conxunto entre produtores, empresas e centros de investigación.
A maiores, e como novidade nestes orzamentos, créase unha partida específica para combater as perdas e o desperdicio alimentario dentro da Dirección xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria.
Conservar, previr e crear riqueza no monte
En relación co monte galego, Gómez trasladou que “a prevención é unha responsabilidade transversal da Consellería”, polo que está presente, ademais de nas actuacións específicas de loita contra o lume, na planificación forestal, na recuperación de terras agrarias, no apoio ao pastoreo ou nas políticas xerais de desenvolvemento rural.
No terreo concreto da planificación forestal, a conselleira puxo en valor os 83 millóns de euros de orzamento da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, aos que se suman case 4 millóns de euros destinados á recuperación de pasteiros nos montes veciñais. “Falamos, polo tanto, de preto de 87 millóns de euros para avanzar cara un monte máis san, diverso, produtivo e mellor preparado diante do cambio climático”, afirmou. Destes fondos, 15,08 millóns serán para mellorar a xestión produtiva dos montes mediante traballos de roza, selección de árbores, poda e tratamentos dos restos forestais e salientou que o castiñeiro “terá un papel destacado”. Tamén anunciou a creación dun laboratorio especializado en sanidade forestal, como medida destacada dentro dos fondos previstos para combater as pragas e doenzas, e que se destinarán outros 2,74 millóns de euros a impulsar a xestión forestal conxunta. Ademais, como outra novidade, avanzou unha nova liña de axudas para recuperar a actividade agraria na contorna dos núcleos rurais, coa que impulsar a posta en produción de terras abandonadas e a ampliación e base territorial das explotacións, contribuíndo a xerar actividade económica e a protexer as aldeas fronte aos incendios forestais.
Con respecto á loita contra os lumes, a Dirección Xeral de Defensa do Monte contará en 2027 con máis de 226 millóns de euros, dos que 118 corresponden especificamente a prevención e extinción. Gómez afirmou que se consolida o sistema público de xestión da biomasa con máis de 25 millóns de euros e puxo de relevo os 13,4 millóns que de forma conxunta se dedicarán á ampliación e mellora de infraestruturas fronte o lume, tales como bases aéreas -con actuacións nas de Beariz, Doade, Antela ou na nova de Setecoros, en Valga-; bases de unidades operativas (BUO), con intervencións de mellora en Viveiro e de nova construción en Bande e nos distritos de Miño-Arnoia, Verín-Viana, A Limia e O Condado-A Paradanta. Destinaranse 2 millóns de euros á dotación de novos vehículos e medios e seguir mellorando a seguridade do dispositivo, así como outros 7 millóns serán para renovar e seguir mellorando o equipamento do persoal do Servizo de Prevención e Defensa fronte os Incendios (SPIF).
Melloras nas infraestruturas rurais e na mobilización de terras
O orzamento global para políticas de desenvolvemento rural elévase ata superar os 105 millóns de euros a través da Dirección xeral de Desenvolvemento Rural e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Salientan os máis de 20,5 millóns para camiños rurais, investimentos que facilitan o acceso de maquinarias ás parcelas, o transporte de produtos agrarios e os desprazamentos da poboación; ou os 27,2 millóns para a mobilización de terras e a mellora da estrutura territorial das explotacións, incluíndo tanto o impulso a instrumentos como o Banco de Terras e os polígonos agroforestais ou as permutas coma os avances nas concentracións parcelarias.
A maiores, a conselleira do Medio Rural referiuse na súa comparecencia a asuntos relacionados coa actualidade do sector, como a Política Agraria Común ou a situación do sector lácteo. En relación coa PAC, Gómez insistiu en reclamar do Goberno de España unha defensa firme do mantemento dos recursos para as persoas agricultoras e gandeiras e que non se conforme cun modelo que poña en risco o financiamento do desenvolvemento rural.
Por iso, amosou a súa preocupación polo optimismo inxustificado do ministro Planas diante do acordo acadado onte no Consello Europeo sobre a futura PAC e instouno a loitar por un orzamento suficiente para estas políticas. Engadiu que é preciso garantir que o 10 % do chamado obxectivo rural e os 45.000 millóns de euros adicionais procedentes do anticipo do pago intermedio cheguen ao medio rural para apoiar a competitividade das explotacións, favorecer a incorporación de persoas mozas e dar estabilidade ao sector nun momento delicado polos sobrecustos que soporta en materia de alimentación do gando e enerxía.
Con respecto ao sector lácteo, recordou que se lle segue reclamando ao Executivo central que mellore a Lei da Cadea Alimentaria e que actualice o Paquete Lácteo, en defensa das persoas gandeiras. Por último, Gómez fixo balance de diferentes datos que amosan a aposta da Xunta polo rural, como son os 12.000 beneficiarios dos máis de 46 millóns de euros do anticipo da PAC; os máis de 5.000 mozos e mozas que recibiron axudas para a súa incorporación ao agro desde 2009; as 36 iniciativas empresariais apoiadas na última convocatoria de axudas para modernizar a transformación e comercialización dos produtos agrarios ou os importantes resultados do programa Leader, con 8.000 proxectos apoiados, 7.300 empregos consolidados e 5.300 postos de traballo creados en Galicia nos seus 35 anos de historia, a través dunha mobilización de 1.000 millóns de euros.