Galicia acolle a reunión bienal para reforzar a colaboración e avaliar os plans nacionais de conservación e mellora xenética forestal

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal inaugurou o evento, que reúne a administracións e axentes forestais co obxectivo de analizar os avances acadados e intercambiar experiencias directas

Salientou que os plans establecen unha folla de ruta compartida e buscan potenciar a resiliencia e a capacidade de adaptación dos montes fronte ás ameazas do cambio climático

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026

A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participou hoxe na inauguración da reunión bienal de seguimento do Plan Nacional de Conservación de Recursos Xenéticos Forestais e do Plan Nacional de Mellora Xenética Forestal, unha xuntanza que ten como obxectivo coñecer os avances realizados na aplicación dos plans, intercambiar experiencias e continuar reforzando a colaboración entre as administracións e os distintos axentes implicados na conservación e mellora dos recursos xenéticos forestais.

Na súa intervención, a directora afirmou que ambos plans, desenvoltos no marco da Estratexia Española para a Conservación e o Uso Sostible dos Recursos Xenético Forestais, “establecen unha folla de ruta común para avanzar na conservación, caracterización, avaliación, mellora e utilización sostible” deste tipo de bens. Deste xeito, “nun contexto de cambio climático e de crecentes ameazas para os ecosistemas forestais”, sinalou, “a conservación da diversidade xenética e a mellora dos materiais forestais de reprodución constitúen ferramentas esenciais para reforzar a capacidade de adaptación e a resiliencia dos montes”.

Así mesmo, destacou a importancia da cooperación entre administracións e centros de investigación, pois “a conservación e mellora de recursos xenéticos forestais esixe unha visión a longo prazo, unha planificación sostida e o compromiso de todas as administracións e axentes implicados”. Desta forma, salientou a contribución do CIF de Lourizán, a Misión Biolóxica de Galicia, e os grupos de investigacións das universidades galegas, ao que se suma a colaboración de centros de referencia nacional como o Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR), así como diferentes organismos e equipos de investigación que contribúen ao avance de coñecemento nesta materia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/11/2026