Medio Rural destaca o labor das agrupacións de defensa sanitaria gandeira en materia de sanidade animal
Lalín (Pontevedra), 5 de novembro de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe ao acto de clausura dos XXI Encontros Gandeiros da Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG) Xundeva. Nela destacou o labor que desenvolven estas entidades en materia de sanidade animal.
O director xeral sinalou que estas agrupacións tamén facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación e ao benestar animal. A maiores, as ADSG poden executar as medidas adicionais en materia sanitaria que sexan necesarias nas explotacións a elas adheridas, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación, polo que poden colaborar na vixilancia de enfermidades. Durante a xornada, avaliáronse diferentes temas como a lingua azul, a incorporación da intelixencia artificial nas explotacións e a nova PAC.