A Xunta reforza a promoción do destino Galicia en Hispanoamérica na 38ª edición da feira Festuris
Turismo de Galicia participará por 19ª ano consecutivo neste encontro profesional, que se celebra os días 13 e 14 de novembro na localidade brasileira de Gramado
Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2026
Turismo de Galicia estará presente na 38ª edición de Festuris, unha das feiras turísticas profesionais de maior repercusión en Hispanoamérica, que terá lugar os días 13 e 14 de novembro na localidade de Gramado, no estado brasileiro de Río Grande do Sul.
A presenza de Galicia neste encontro, centrado en reunións de negocios entre profesionais do sector turístico, enmárcase na estratexia de promoción internacional do destino galego e no obxectivo de reforzar a súa posición no mercado brasileiro.
Por 19ª ano consecutivo, Turismo de Galicia participa nestas xornadas que contarán cun espazo expositivo propio de 27 metros cadrados desde o que se dará a coñecer a oferta turística galega ante turoperadores, axentes de viaxes, empresas de servizos turísticos, medios de comunicación e creadores de contido. A participación nesta feira permitirá reforzar o contacto cos profesionais do sector, establecer novas relacións comerciais e avanzar na incorporación de Galicia ás programacións de profesionais brasileiros.
Brasil constitúe un mercado de especial interese para Galicia, tanto pola súa capacidade emisora como polo seu vínculo co Camiño de Santiago, contando con case una vintena de asociacións dedicadas á peregrinación xacobea, unha realidade que evidencia o interese pola cultura xacobea e que ofrece oportunidades para seguir ampliando a promoción.
Con esta nova presenza en Festuris, Turismo de Galicia continúa a súa aposta pola promoción neste mercado estratéxico, dando continuidade a accións desenvolvidas en Brasil con participación galega, entre as que destaca o XII Encontro Nacional de Peregrinos (ENAP), celebrado en setembro en São Miguel das Missões (Río Grande do Sul).
A presenza na feira permitirá afianzar o posicionamento do destino e promover unha oferta turística que convida a descubrir Galicia máis alá do Camiño de Santiago, a través do seu patrimonio, a natureza, as experiencias enogastronómicas e o turismo activo, entre outros recursos.