A Xunta amplía as bolsas autonómicas de persoal funcionario interino con habilitación de carácter nacional coa incorporación dunha trintena de persoas
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a resolución pola que se publican as listaxes de incorporación correspondentes ás subescalas de secretaría-intervención, secretaría, categoría de entrada, e intervención-tesourería, categoría de entrada
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se publican as listaxes de persoas que se incorporan ás bolsas autonómicas galegas existentes para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas.
Con esta incorporación, as bolsas amplíanse en 28 persoas: 21 na subescala de secretaría-intervención; cinco na subescala de secretaría, categoría de entrada, e dúas na subescala de intervención-tesourería, categoría de entrada.
As persoas incorporadas son aspirantes que superaron algún exercicio das probas selectivas para o ingreso na escala de persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional correspondentes á oferta de emprego público extraordinaria e adicional autorizada polo Real decreto-lei 20/2022, do 27 de decembro, e que solicitaron a súa inclusión nas listas de interinos autonómicas galegas.
A relación de persoas candidatas foi remitida polo Instituto Nacional de Administración Pública, de conformidade co procedemento establecido na Orde TFP/297/2019 do anterior Ministerio de Política Territorial e Función Pública. Esta norma regula o procedemento para a elaboración de relacións de persoas candidatas que aproben algún exercicio das probas selectivas para o ingreso nas distintas subescalas de habilitación nacional e a súa remisión ás comunidades autónomas para a súa integración nas súas listas de persoal funcionario interinos.
A Xunta creou en 2017 estas bolsas autonómicas de interinos para facilitarlles ás entidades locais galegas a posibilidade de cubrir de forma inmediata os postos de traballo de habilitación nacional. Ademais, evítaselles ter que efectuar os procesos selectivos de xeito individual e os gastos que implican.