Medio Rural lembra que os profesionais da agricultura e da gandaría teñen ata o xoves para aceptar a súa axuda polo sobrecusto do gasóleo e os fertilizantes
A conselleira María José Gómez visitou a explotación gandeira Busto Corzón, situada en Mazaricos, e púxoa como exemplo de competitividade no sector lácteo e destacou a súa aposta pola formación, colaborando co CFEA de Sergude
Salientou que o concello de Mazaricos é o líder en produción de leite en Galicia, con máis de 145 millóns de litros obtidos no pasado ano
Mazaricos (A Coruña), 10 de novembro de 2026
Os profesionais da agricultura e da gandaría teñen ata este xoves, 12 de novembro, para presentar a comunicación de aceptación da axuda coa que paliar o sobrecusto dos fertilizantes e do gasóleo, como consecuencia do incremento do seu prezo polo conflito en Oriente Medio. Así o lembrou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita á explotación gandeira Busto Corzón en Mazaricos, onde estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Na visita, a conselleira salientou o traballo desta explotación bovina dentro do sector lácteo, xa que se dedica á reprodución para a produción de leite. Así mesmo, cualificouna como exemplo de competitividade dentro deste eido produtivo e puxo de relevo a súa aposta pola formación, colaborando co Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, dependente da Consellería.
A maiores, Gómez destacou a importancia do concello de Mazaricos para o lácteo galego, xa que é a localidade que lidera a produción de leite na nosa comunidade, con máis de 145 millóns de litros o pasado ano. Este dato amosa a relevancia do labor que desenvolven as persoas gandeiras neste territorio e as cales contribúen a que Galicia produza o 42 % do leite de España.