Xunta e Concello de Oímbra asinan un convenio para a urbanización dunha parcela próxima ao centro escolar para facilitar a construción de vivenda protexida
A través desta actuación transformarase a parcela próxima ao CEIP Oímbra na rúa Escolar, para dotala de servizos, zonas verdes e equipamentos públicos
A Xunta asume o 70% do orzamento total, que ascende a preto de 322.000 euros e contratará e executará as obras
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2026
A Xunta e o Concello de Oímbra asinaron o convenio de colaboración para abordar a urbanización dunha parcela na contorna do centro de educación infantil e primaria CEIP Oímbra, co obxectivo de construír vivendas protexidas de promoción pública, por un investimento total de 321.801 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, firmou hoxe coa alcaldesa de Oímbra este acordo subscrito ao abeiro do Plan Hurbe.
Grazas a esta colaboración, procederase á urbanización dunha parcela actualmente destinada a uso agrario, situada xunto á estrada OU-1010, para facilitar a construción de vivendas protexidas de promoción pública.
Os traballos previstos inclúen o acondicionamento e nivelación do terreo, así como a dotación de todos os servizos básicos, mediante a instalación de novas redes de abastecemento de auga, saneamento, electricidade e telecomunicacións. Tamén se levará a cabo a urbanización dos accesos, coa pavimentación de viarios, construción de beirarrúas e instalación de iluminación pública.
Ademais, o proxecto contempla a creación de zonas verdes e espazos de convivencia, con arborado, céspede e mobiliario urbano, como bancos, fontes, papeleiras e aparcadoiros para bicicletas, así como a instalación dunha área de xogos infantís equipada con tobogán, ponte de rede e pavimento de seguridade.
Trátase, en definitiva, de transformar unha parcela sen urbanizar nun novo espazo residencial dotado de todos os servizos, zonas verdes e equipamentos públicos, para que o solo quede preparado para a construción de vivenda protexida e favorecer, con isto, o asentamento de poboación no municipio.
A través do convenio, a Xunta financiará o 70% do orzamento desta intervención, algo máis de 225.000 euros, contratará e executará as obras, cun prazo previsto de seis meses. Pola súa banda, o Concello de Oímbra asumirá o 30% restante do custe das obras e incorporará ao patrimonio público municipal as actuacións que se leven a cabo.