A Xunta avoga polo aforro nos fogares co fomento da instalación de enerxías renovables de uso térmico
A delegada de Ferrol, Martina Aneiros, visitou en Cedeira a unha beneficiaria das axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial que convoca a Consellería de Economía e Industria
Cedeira (A Coruña), 12 de novembro de 2026
A delegada da Xunta en Ferrol, Martin Aneiros, achegouse esta mañá ao concello de Cedeira para supervisar o resultado da instalación dunha caldeira de biomasa nunha vivenda particular beneficiaria das axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial, en ámbitos non urbanos, coas que o Goberno galego pretende incentivar o uso de enerxías renovables nos fogares galegos con fins de aforro enerxético.
O proxecto percibiu unha achega de máis de 4.200 euros da Consellería de Economía e Industria -a través do Inega- para a instalación dunha caldeira de pellets de 18kW, con depósito de alimentación automático.
A orde de axudas para proxectos de enerxía renovables de uso térmico no sector residencial está destinada a particulares e a comunidades de veciños. Os proxectos limítanse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipos que utilicen biomasa como combustible, e outras instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte de enerxía a xeotermia, hidrotermia, aerotermia ou enerxía solar térmica.
A convocatoria deste ano contou cun orzamento de 2,1 M€, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.