Miguel Corgos anima ao sector asegurador a adaptarse para medrar nunha contorna dixitalizada, especializada e cambiante
A remuda xeracional é un dos grandes retos do sector, ao igual que pasa na pequena e mediana empresa familiar
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, clausurou o XII Encontro Asegurador Galego
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, animou hoxe ao sector asegurador a adaptarse para medrar nunha contorna dixitalizada, especializada e cambiante. Fíxoo durante a clausura do XII Encontro Asegurador Galego, que reuniu a máis de 400 profesionais, onde lles falou da necesidade de que a rede de axentes evolucione e se transforme para garantir a continuidade do negocio da mediación.
O conselleiro de Facenda lembrou que o relevo xeracional é un dos grandes retos do sector, ao igual que pasa na pequena e mediana empresa familiar, o que supón un risco para a viabilidade das empresas e para a transmisión do coñecemento.
Para axudar con estas dificultades, explicou Miguel Corgos, o Goberno galego contempla, nunha das catro novas rebaixas impositivas dos Orzamentos 2027, a ampliación da redución do 99 % xa establecida no Imposto de Sucesións, aos parentes de ata 3º grado por afinidade e aos traballadores con máis vinculación coa empresa.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou a ocasión para felicitar ao sector por unhas xornadas que son referente e que reúnen cada ano a destacados profesionais “para tratar temas de actualidade, que vos afectan directamente no presente e no futuro”.