Durante este outono, o departamento sanitario da Xunta organiza as probas para acceder a 2.223 prazas

O Servizo Galego de Saúde celebra esta fin de semana unha nova quenda de oposicións con máis de 10.000 aspirantes convocados

O Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, acollerá os exames de acceso a dez categorías do sistema sanitario público galego

Na quenda do sábado pola mañá están convocados 1.170 aspirantes a cinco categorías profesionais e pola tarde 7.800 persoas realizarán as probas de acceso á categoría de celador

O domingo pola mañá celebraranse os exames de médico asistencial do 061, terapeuta ocupacional, dietista-nutricionista e electricista, con 1.202 persoas convocadas

Durante este outono, o departamento sanitario da Xunta organiza as probas para acceder a un total de 2.223 prazas

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2026

O Servizo Galego de Saúde celebrará esta fin de semana, 14 e 15 de novembro, unha nova quenda de probas selectivas a distintas categorías profesionais no Recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda, á que están convocadas 10.172 persoas.

Desde as 09,30 horas do sábado, un total de 1.170 aspirantes realizarán as probas de acceso ás categorías de médico xeral da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), farmacéutico de atención primaria, odontólogo de atención primaria, técnico en xestión de sistemas e tecnoloxías da información e calefactor.

En concreto, os exames contarán con 34 aspirantes á categoría de médico xeral de ADOS, para 6 prazas; 655 á de farmacéutico de atención primaria, para 31 prazas; 196 á de odontólogo de atención primaria, para 8 prazas; 104 á de técnico en xestión de sistemas e tecnoloxías da información, para 9 prazas; e 181 á de calefactor, para 7 prazas.

Xa pola tarde, a partir das 16,00 horas, terán lugar as probas de acceso á categoría de celador, ás que están convocadas 7.800 persoas, correspondentes á quenda xeral e á de discapacidade intelectual. O Servizo Galego de Saúde oferta nesta categoría un total de 348 prazas.

Última xornada de exames o domingo

O domingo 15 de novembro concluirá esta quenda de probas selectivas. Desde as 09,30 horas, o Recinto da Feira Internacional de Galicia acollerá os exames das categorías de médico asistencial do 061, terapeuta ocupacional, dietista-nutricionista e electricista.
En total, están convocados 1.202 aspirantes: 139 para as 8 prazas ofertadas de médico asistencial do 061; 273 para as 11 prazas de terapeuta ocupacional; 363 para as 45 prazas de dietista-nutricionista; e 427 para as 11 de electricista.

Durante este outono, o departamento sanitario da Xunta organiza as probas para acceder a un total de 2.223 prazas do sistema sanitario público galego.

 

Data de actualización: 13/11/2026