A Xunta licita as obras para o acceso peonil ao novo CHUAC que inclúen dous novos ascensores que salvarán desniveis de ata 16 metros
A actuación permitirá conectar a zona das Xubias de Arriba, a AC-12 e a contorna de consultas externas mediante dous ascensores, novas escaleiras, unha rampla accesible e a mellora dos itinerarios peonís
As empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o 9 de decembro e a previsión é iniciar os traballos no primeiro semestre de 2027, cun prazo de execución de 12 meses
A Xunta segue avanzando na transformación dos accesos ao complexo hospitalario, coa construción do novo anel viario perimetral, a remodelación do enlace coa AC-12 e a próxima instalación do novo viaduto sobre a avenida da Pasaxe
A Coruña, 13 de novembro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, deu conta hoxe da licitación, por 1,4 millóns de euros, das obras de mellora da accesibilidade peonil na contorna da AC-12, que incluirán a instalación de dous novos ascensores para salvar os desniveis de ata 16 metros existentes nos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
Esta nova actuación enmárcase no proxecto de transformación dos accesos ao complexo hospitalario coruñés, co obxectivo de facilitar unha mobilidade máis cómoda, segura e accesible para pacientes, familiares e profesionais sanitarios.
O Goberno galego destinará a esta intervención un investimento total próximo a 1,5M€. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 9 de decembro. A previsión é avanzar na adxudicación e iniciar as obras no primeiro semestre de 2027, cun prazo de execución de 12 meses.
M. Allegue destacou que esta actuación supón un avance na transformación integral da contorna hospitalaria, incidindo en que unha infraestrutura sanitaria desta envergadura precisa tamén de accesos modernos, seguros e adaptados ás necesidades de todas as persoas.
Dous novos ascensores para superar os desniveis
Un dos elementos máis singulares da intervención será a instalación de dous ascensores que permitirán conectar diferentes niveis da contorna hospitalaria, superando as dificultades de mobilidade derivadas da complexa orografía desta zona da cidade.
O primeiro ascensor contará con tres paradas e permitirá comunicar a senda da zona das Xubias de Arriba coa AC-12 e coa pasarela peonil existente, salvando un desnivel de preto de 10 metros.
Pola súa banda, o segundo ascensor disporá de dúas paradas e conectará a parada do autobús interurbano da AC-12 co novo paso superior, nas proximidades da área de consultas externas. Esta estrutura terá unha altura total superior aos 22 metros desde os seus cimentos e permitirá superar un desnivel de máis de 16 metros, equivalente á altura dun edificio de entre catro e cinco plantas.
A intervención completarase coa construción de novas escaleiras de conexión coa pasarela peonil existente, a execución dunha rampla accesible desde a senda das Xubias de Arriba e a reorganización das beirarrúas para facilitar os desprazamentos dos usuarios a pé.
Tamén se acometerán actuacións de mellora da iluminación, renovación dos pavimentos e adecuación dos sistemas de drenaxe e dos servizos afectados.
O obxectivo é reforzar as conexións entre os diferentes itinerarios peonís e as paradas de transporte público, garantindo unhas condicións de accesibilidade máis axeitadas para todas as persoas usuarias do complexo sanitario.
Avances na transformación dos accesos ao CHUAC
A conselleira salientou que esta nova licitación forma parte do conxunto de actuacións que a Xunta está a executar para transformar os accesos ao CHUAC, unha intervención de envergadura e complexidade técnica que debe compatibilizarse en todo momento coa actividade asistencial e co funcionamento ordinario do hospital.
Neste sentido, lembrou que a Axencia Galega de Infraestruturas continúa avanzando na construción do novo anel viario perimetral, que permitirá conectar o complexo hospitalario coa contorna de Curramontes e Castaño de Eirís.
De xeito paralelo, estase a desenvolver a remodelación do enlace coa AC-12, unha actuación que permitirá reorganizar os movementos de entrada e saída de vehículos e mellorar a mobilidade nesta zona.
Allegue tamén puxo en valor a demolición, completada o pasado mes de abril, do antigo viaduto de acceso desde As Xubias, unha intervención que permitiu eliminar barreiras, reorganizar a contorna e transformar a silueta urbana deste ámbito da cidade, abrindo unha nova perspectiva do hospital desde a ría de Santa Cristina.
Os traballos continúan agora coa preparación da instalación das estruturas metálicas do novo viaduto sobre a avenida da Pasaxe, cuxas pezas comezarán a ensamblarse durante este mes de novembro.
Unha infraestrutura sanitaria á altura
A responsable autonómica enmarcou estas actuacións no compromiso da Xunta coa construción do novo CHUAC, unha das grandes transformacións da sanidade pública galega.
Neste ámbito, lembrou que xa rematou o prazo de presentación de ofertas para as obras da gran escavación sobre a que se levantará o novo hospital, licitadas por máis de 52 millóns de euros. Actualmente estanse a avaliar as sete propostas recibidas, de xeito paralelo á supervisión do proxecto da segunda fase.
María M. Allegue subliñou que o Goberno galego continuará impulsando as actuacións necesarias para que o novo complexo hospitalario conte cunha rede de accesos á altura dunha infraestrutura sanitaria de referencia para A Coruña e para o conxunto de Galicia.
Neste sentido, incidiu en que o obxectivo é que acudir a unha consulta médica, acompañar a un familiar ou desprazarse ao posto de traballo resulte cada vez máis sinxelo, con independencia do medio de transporte empregado, garantindo unha contorna hospitalaria mellor conectada, máis segura e verdadeiramente accesible.