Medio rural destaca a potencialidade do sector avícola de carne na comunidade
A conselleira María José Gómez visitou as instalacións de Avigal en Cambados, consolidada como todo un referente neste ámbito
Cambados (Pontevedra), 13 de novembro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou en Cambados a planta de procesado avícola de Avigal, onde destacou a potencialidade deste sector na comunidade.
Durante o seu percorrido polas instalacións, Gómez puxo de relevo o labor realizado por Avigal, consolidada como todo un referente na produción de carne avícola, tanto en Galicia como no ámbito nacional. Seguindo esta liña, enxalzou a súa aposta pola innovación, a dixitalización e a implantación de tecnoloxía de última xeración con Intelixencia Artificial; o que permite impulsar as explotacións galegas e mellorar así a súa competitividade.
María José Gómez mantivo tamén unha xuntanza de traballo con representantes desta empresa, con quen avaliou a posibilidade de establecer iniciativas de colaboración público-privadas para fortalecer o sector agrogandeiro en Galicia e potenciar a remuda xeracional.