Lorenzana asegura que a capacidade loxística do Porto de Vigo é clave para que Galicia estea entre as comunidades máis exportadoras
Vigo, 17 de novembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recoñeceu hoxe que a capacidade loxística do Porto de Vigo, coas elevadas cifras de tráficos que vén rexistrando, é clave para que Galicia estea entre as comunidades autónomas máis exportadoras.
Lorenzana aproveitou un encontro co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, para poñer en valor os últimos datos de exportacións ata setembro, que en Galicia acadaron os 23.427 millóns de euros no acumulado de ano, cunha taxa de variación interanual do 1,3 por cento. Galicia sitúase como sexta comunidade máis exportadora, practicamente empatada co País Vasco, que rexistrou 23.461,2 millóns de euros.
A xuntanza serviu, tamén, para avaliar outros asuntos como a planificación na que traballa a entidade en materia de electrificación e novas infraestruturas, e a situación da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).