O xerente do Sergas, acompañado pola xerente da área sanitaria, inaugurou a III Xornada de humanización da área sanitaria de Ferrol

O Servizo Galego de Saúde salienta a importancia de integrar a humanización na práctica clínica para mellorar a experiencia asistencial

Apunta que a sanidade conta con novos avances, pero non se debe esquecer que detrás de cada procedemento, proba e intervención, hai unha persoa

Ferrol, 19 de novembro de 2026

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Luis León, inaugurou hoxe a III Xornada de humanización da área sanitaria de Ferrol, onde salientou a importancia de integrar a humanización na práctica clínica para mellorar a experiencia asistencial.

Neste acto de apertura, celebrado no Hospital Arquitecto Marcide, no que tamén estivo presente a xerente da área sanitaria, Fernanda López, tratáronse cuestións como o envellecemento ou o concepto de idadismo, entendido como os estereotipos, prexuízos e prácticas discriminatorias vencelladas á idade.

Así, o representante da Consellería de Sanidade, explicou que a humanización constrúese cada día, en cada consulta, en cada habitación e en cada conversa cun paciente e a súa familia.

Do mesmo xeito, apuntou que a sanidade conta con novos avances, tratamentos e unha gran capacidade tecnolóxica, pero non se debe esquecer que detrás de cada procedemento, proba e intervención, hai unha persoa.

Os asistentes á xornada puideron reflexionar sobre temas como o papel dos pacientes como motor de innovación, a transformación organizativa ou os retos da dixitalización no sistema sanitario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2026