A incidencia da gripe rexistra nivel basal e tendencia estable, cunha diminución na dispensación de antigripais e probas de antíxenos
As taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos diminuíron un 24,5 %, e un 3 %, respectivamente, en comparación coa semana anterior
A taxa de consultas por gripe diminuíu un 4,6 % e a de ingresos aumentou un 61,5 %
No que vai de tempada, notificáronse 261 ingresos pola gripe, a maioría deles, 252, con virus do tipo A
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 15 de novembro, reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén unha intensidade basal con tendencia estable, e cunha diminución nas taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos dun 24,5 % e un 3 %, respectivamente, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.
Segundo se recolle no informe do departamento sanitario galego, a taxa de consultas por gripe diminuíu un 4,6 % respecto á semana anterior, o que supón pasar de 16,1 a 15,3 consultas por 100.000 habitantes.
O descenso produciuse en todos os grupos de idade agás o de 20 a 59 anos e o de 60 a 79 anos, no que aumentou un 6,4 % e un 15 %, respectivamente. O grupo con maior taxa de consultas foi o de 5 a 19 anos, con 21,3 por 100.000 habitantes. En relación ás áreas sanitarias, observouse un incremento en todas elas agás nas de Santiago de Compostela, Lugo e Ferrol, onde descendeu.
A positividade dos virus da gripe foi do 5,2 %, igual á da semana anterior.
Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 38,1 %, pasando de 16,1 a 9,9 por 100.000 habitantes. Esta diminución observouse en todos os grupos de idade, agás no de 0 a 4 anos, no que a taxa permaneceu estable. A taxa descendeu en todas as áreas sanitarias.
Ingresos
A taxa de ingresos por mor da gripe foi de 2,1 por 100.000 habitantes, un 61,5 % máis que a semana previa, na que foi de 1,3. O incremento da taxa produciuse fundamentalmente na poboación de 60 e máis anos, na que se duplicaron as hospitalizacións, se ben no grupo de 60 a 79 anos se partía dunha taxa baixa (1,3 ingresos por 100.000 habitantes). No resto dos grupos a taxa descendeu ou permaneceu con certa estabilidade.
No que se refire ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou nas de Lugo, Ourense e Vigo. No que vai de tempada, notificáronse 261 ingresos pola gripe, a maioría deles, 252, con virus do tipo A.
Respecto da taxa de ingresos da covid, mantívose estable en 3,5 ingresos por 100.000 habitantes. O único grupo de idade no que se observou un incremento foi o de 80 e máis anos. Por áreas sanitarias, os ingresos aumentaron na de Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra.
Polo que respecta á positividade do virus da covid, esta foi do 10,3 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior, na que foi do 12,1 %.
A Xunta iniciou a campaña de vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade o 28 de setembro. Na actualidade, desde o pasado 9 de novembro, comezou a vacinación das persoas de 60 ou máis anos, persoal de servizos esenciais e persoal de exposición laboral. A partir do día 30 vacinarase aos conviventes de persoas de risco e resto da poboación diana.