Natalia Botana reivindica os portos como o motor dun turismo náutico sostible e vinculado á identidade galega
Baiona (Pontevedra), 19 de novembro de 2026
A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana participou hoxe nunha mesa redonda baixo o título De porto a destino turístico dentro do programa da primeira edición do FARO Summit-Future Alliance for Resilient Oceans, que se celebra hoxe e mañá no Parador de Baiona, organizado pola Autoridade Portuaria de Vigo e o Concello de Baiona. Na mesa de debate Botana estivo acompañada polo presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández; a de Xixón, Nieves Roñequí; e a de Almería, María del Rosario Soto.
Na súa intervención a presidenta de Portos destacou o papel dos 122 portos autonómicos como motor dun turismo náutico sostible vinculado ao sector profesional pesqueiro e marisqueiro e á identidade propia de Galicia. Ademais defendeu un modelo turístico que atopa o seu principal atractivo na integración dos portos no corazón dos municipios costeiros, onde a náutica de recreo convive coa actividade profesional, a vela tradicional ou o transporte marítimo de pasaxeiros. Destacou tamén que esta actividade ten lugar nunha contorna cun patrimonio natural único como o das rías galegas, que permiten navegar ao longo de todo o ano, e cunha cultura e gastronomía marcadas tamén polo vínculo de Galicia co mar.
En relación á estratexia de Portos de Galicia no ámbito do turismo náutico Botana sinalou a economía azul como eixo de actuación do ente público co obxectivo de compatibilizar o crecemento económico coa seguridade dos profesionais, a protección da biodiversidade mariña e o benestar social das comunidades costeiras.