Villaverde defende o seguimento continuo da mexilla para que o sector bateeiro poida planificar mellor a súa actividade

A conselleira do Mar inaugurou en Vilanova de Arousa a xornada anual de APROMEX, na que se presentaron un mapa interactivo e unha ferramenta para consultar onde e cando se fixa a cría de mexillón

O encontro tamén deu a coñecer os resultados das mostraxes da precampaña 2026-2027 e os traballos de captación con cordas e redes colectoras na ría de Muros-Noia

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 19 de novembro de 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu hoxe en Vilanova de Arousa a relevancia do sector mexilloeiro galego e a importancia de facer un seguimento continuado da mexilla e de poñer os datos á disposición dos produtores para que poidan planificar mellor o seu traballo. Fíxoo na inauguración da xornada anual de presentación dos avances do proxecto APROMEX, no Auditorio Valle Inclán, onde estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Ángeles V. Suárez, e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.

Villaverde sinalou que a dispoñibilidade de semente de mexillón no medio natural é unha das principais cuestións que condicionan a actividade das bateas. “A alta variación natural da mexilla obríganos a actuar con anticipación, rigor científico e unha estreita colaboración”, afirmou. Durante a súa intervención, agradeceu a participación dos produtores nos traballos de investigación e salientou a necesidade de que os resultados cheguen a quen traballa nas rías. “Queremos que os profesionais dispoñades dos datos e a información máis precisa, transparente e actualizada, para planificar mellor o voso traballo”, engadiu.

Entre os avances presentados figura o novo xeovisor de recursos acuícolas e marisqueiros, que permite cruzar nun mesmo mapa a cobertura de mexilla nas rochas, a presenza de larvas e a localización das instalacións de cultivo con datos sobre a temperatura da auga, a salinidade e as correntes. A segunda ferramenta permite seguir a fixación da cría de mexillón en distintos puntos do litoral galego e ver como evoluciona ao longo do ano. Ambas poden consultarse na web de recursos de APROMEX.

Na xornada tamén se presentaron os resultados das mostraxes da precampaña 2026-2027, que permiten estimar a abundancia e a distribución da mexilla nas zonas de interese para a súa extracción. Os resultados están dispoñibles na web do proxecto xunto cos das dúas precampañas anteriores. A información complétase co seguimento semanal da presenza de larvas de mexillón nas rías, realizado en colaboración co Intecmar e a Universidade de Vigo.

Na ría de Muros-Noia, APROMEX continuou este ano os ensaios de captación de mexilla nunha estrutura de liñas flotantes, coñecida como long-line. Nela compárase o rendemento de distintos tipos de cordas e redes colectoras para avaliar en que medida este sistema pode complementar a recollida de semente nas rochas.

O encontro tamén abordou os datos recollidos en 2025 e 2026 na batea sentinela do proxecto BATEAS, instalada nunha batea comercial da ría de Arousa. O seguimento da temperatura e da salinidade da auga, xunto co rexistro dos cambios de peso nas cordas de cultivo, permite estudar como inflúen no crecemento do mexillón fenómenos como o afloramento ou as achegas de auga doce dos ríos.

APROMEX é un proxecto da Consellería do Mar que desenvolve o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) co apoio técnico do CETMAR. Estuda as poboacións naturais de mexilla e avalía novos métodos para captala no mar e producila en criadeiro. A xornada pechouse coa presentación de CAPACITAMEX 2027-2028, orientado a formar os produtores no uso das ferramentas e na aplicación dos resultados da investigación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 19/11/2026