Villaverde coñece o novo camión adquirido por Gardacostas para o traslado de artes de pesca comisadas
O vehículo, equipado con caixa basculante e guindastre, trasladará o material desde os puntos de descarga dos barcos do servizo ata os almacéns onde se custodian
En decembro está prevista a entrega dun segundo camión, con plataforma para o transporte de vehículos e embarcacións intervidos
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, coñeceu hoxe na Cidade da Cultura o novo camión adquirido polo Servizo de Gardacostas de Galicia que se destina á recollida e traslado do material comisado. A conselleira acudiu á dársena de autobuses acompañada polo subdirector xeral de Gardacostas, Juan Carlos Codesido.
O camión permitirá recoller nos puntos de descarga as nasas, redes e outros aparellos retirados polas embarcacións de Gardacostas durante os operativos de vixilancia pesqueira. Unha vez nos almacéns do servizo, o material quedará baixo custodia ata que se determine o seu destino pola vía administrativa ou xudicial.
O vehículo substitúe un camión antigo e supón a primeira fase da renovación dos medios que Gardacostas emprega nestas tarefas. A nova unidade, de tres eixes, dispón dunha caixa basculante de aluminio e dun guindastre hidráulico con mando a distancia para facilitar as operacións de carga e descarga.
A renovación completarase nas próximas semanas coa entrega prevista dun segundo camión de menor tamaño, equipado cunha plataforma e un guindastre. Esta unidade destinarase principalmente ao traslado de vehículos e embarcacións intervidos ata os almacéns de Gardacostas. A adquisición dos dous camións está cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).