A Xunta apoiará este ano con 4,6 M€ as melloras nas infraestruturas e equipamentos das lonxas e portos pesqueiros de Galicia

A convocatoria destas achegas sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a vindeira semana e permitirá desenvolver proxectos para facilitar o labor diario dos profesionais do mar e impulsar a competitividade do sector e a súa rendibilidade
 

As axudas concedidas pola Consellería do Mar no último lustro permitiron poñer en marcha máis de 200 iniciativas por un importe superior aos 11 millóns de euros
 

Na convocatoria de 2022 a confraría de Portosín adquiriu unha grúa móbil para facilitar as descargas de peixe, que contou cunha achega de preto de 100.000 euros, e instalou placas solares fotovoltaicas no teito da fábrica de xeo -cunha axuda de máis de 60.000 euros- para acadar un aforro enerxético próximo ao 40%
 

Porto do Son (A Coruña), 2 de xaneiro de 2023

A Consellería do Mar destinará este ano 4,6 millóns de euros a axudas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque. Así o anunciou hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante unha visita ao porto de Portosín (Porto do Son) na que comprobou algunhas das melloras realizadas tanto na lonxa como na confraría local ao abeiro desta liña de apoios ao sector.

Estas achegas -cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- enmárcanse nunha orde de axudas que publicará o Diario Oficial de Galicia (DOG) a vindeira semana e que forma parte da estratexia de mellora constante destas instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar e impulsar tanto a competitividade do sector como a súa rendibilidade.

A titular de Mar detallou que destas axudas poden beneficiarse as confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, organizacións de produtores pesqueiros (OPP), cooperativas, asociacións profesionais de persoas mariscadoras e de redeiras. Tamén poderán acceder ás achegas as administracións públicas con competencias en portos para proxectos dirixidos á pesca costeira artesanal.

A representante da Xunta incidiu en que son subvencionables, entre outras, actuacións que contribúan á mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente e da seguridade así como das condicións de traballo das persoas pescadoras. Ao mesmo tempo fináncianse iniciativas que favorezan a conservación das descargas de peixe e marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.

Trátase de convocatorias vivas que van sumando novos investimentos cada ano para adaptarse ás necesidades do sector -como foi o caso da pandemia pola covid-19- o que permitirá que no 2023 sexan subvencionables novas actuacións en materia de protección do medio ambiente e para reducir a pegada de carbono. As convocatorias postas en marcha pola Consellería do Mar no último lustro permitiron apoiar máis de 200 proxectos colectivos por un importe que superou os 11 millóns de euros.

Actuacións en Portosín

A última edición destas axudas permitiu desenvolver dous proxectos de mellora de distintos equipamentos no porto de Portosín. O primeiro deles, cunha axuda de preto de 100.000 euros, consistiu na adquisición dunha grúa móbil para facilitar as descargas de peixe, o que contribúe a mellorar as condicións de seguridade e de traballo dos profesionais da lonxa local.

O segundo investimento, cunha achega de máis de 60.000 euros, permitiu instalar placas solares fotovoltaicas no teito e na contorna da fábrica de xeo da confraría. Esta medida mellorará a eficiencia enerxética da instalación e permitirá un aforro que roldará o 40%.

Á marxe dos proxectos ao abeiro desta liña de axudas, a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a tramitar os traballos para o reacondicionamento e mellora da estanquidade da lonxa de Portosín. As actuacións, xa contratadas por máis de 170.000 euros, consistirán na renovación da cuberta -que se substituirá por outra con materias máis modernos e resistentes-, a mellora dos canlóns e baixantes, o pintado e selado das fachadas e o pintado de zonas interiores do inmoble como as oficinas.  

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 02/01/2023