A Xunta somete a información pública os proxectos do eixe de mobilidade sustentable que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario de Santiago, a estación intermodal e San Caetano

Este itinerario, cun orzamento de preto de 12M€, é unha proposta innovadora que consiste en crear unha auténtica “estrada para peóns e ciclistas” de novo trazado, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado

Executarase un eixe de case 13 km, cun primeiro tramo entre O Milladoiro e a estación intermodal, un segundo entre a terminal e o complexo administrativo San Caetano e o terceiro de acceso ao Hospital de Santiago

O DOG tamén recolle hoxe a relación de bens e dereitos afectados por estes proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas

O prazo para presentar alegacións aos citados proxectos será de 30 días hábiles contados a partir de mañá

Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2023 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o trámite de información pública dos proxectos de trazado do eixe de mobilidade sustentable que conectará O Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a intermodal e o complexo administrativo de San Caetano.

 

Este itinerario, cunha lonxitude de case 13 km e un orzamento de preto de 12M€, é unhaproposta innovadora que consiste en crear unha auténtica “estrada para peóns e ciclistas” de novo trazado, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado.

 

A iniciativa promóvese ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation e ten como obxectivo favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

 

3 treitos

O eixe de mobilidade sustentable consta de tres tramos, correspondéndose o primeiro coa conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal, que contará cun orzamento de case 7,8M€.

 

A senda, de 5,9 km de lonxitude, comezará no núcleo do Milladoiro, no aparcamento de Agro do Medio, e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixo Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de ADIF e conectando coa rúa Virxe do Rial.

 

A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entra no antigo túnel de ADIF, que será obxecto de acondicionamento e continúa polo Banquete de Conxo, o parque de o Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.

 

 

O segundo treito da senda partirá da rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, e finalizará en San Caetano, cunha lonxitude de 5,9 km e un orzamento de 2,8M€.

 

Entre as actuacións previstas están o acondicionamento dos treitos actuais, aos que se lle dará continuidade nas partes que non os hai, ao longo da marxe sur da liña do ferrocarril, ata a rúa Fontes do Sar. No percorrido, cruzarase o río Sar, que se acondicionará nese punto para permitir un cruce seguro.

 

Ademais proxéctase o cruzamento da SC-20 aproveitando o paso inferior da rúa Fontes do Sar, para subir polas rúas de Fontiñas, coincidindo coa ruta Eurovelo ata o nó de Concheiros, recentemente remodelado e xa nas proximidades do complexo administrativo da Xunta. A maiores, como itinerario alternativo para peóns, máis curto pero de maior pendente, proponse a avenida de Lugo, polo que se mellorará o paso inferior baixo a SC-20 á altura da rúa Batalla de Conxo.

 

 

En terceiro lugar, proponse unha conexión que permita alcanzar o hospital universitario de Santiago desde o novo eixe de mobilidade sustentable entre O Milladoiro e a intermodal. Esta actuación require dun orzamento de máis de 1M€.

 

O itinerario consta de aproximadamente 1.130 m de lonxitude, dividido en tres subtreitos, conectando o primeiro o túnel de ADIF e o río Sar; o segundo, ata o aparcamento disuasorio de Santa Marta; e o terceiro ata a avenida da Liberdade.

 

Neste enlace pódense consultar os anuncios relativos aos tres proxectos, que tamén recollen a relación de bens e dereitos afectados: https://www.xunta.gal/diario-oficial-galicia/mostrarContenido.do?paginaCompleta=false&idEstado=5&rutaRelativa=true&ruta=/2023/20230103/Secciones4_gl.html

 

O prazo para presentar alegacións aos citados proxectos será de 30 días hábiles contados a partir de mañá.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/01/2023