O Proxecto Fénix de atención a menores con medidas xudiciais por violencia de xénero para a súa reeducación ampliarase a Ferrol e Santiago este ano

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse en Santiago de Compostela con representantes da Asociación Alar para facer balance do programa, que coordina esta entidade co apoio da Xunta

A iniciativa, que forma parte do conxunto de medidas do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero, permitiu este ano a intervención con 50 menores de centros de Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña e Rábade

Desde 2019 atendéronse un total de 140 mozos

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2023

O Proxecto Fénix, que desenvolve e coordina a Asociación Alar Galicia, con apoio da Xunta, permitiu en 2022 a intervención integral con 50 menores con medidas xudiciais por exercer violencia de xénero para a súa reeducación e prevención de futuras condutas violentas. Nunha reunión que mantivo en Santiago de Compostela a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, cos responsables de Alar Galicia, fíxose balance desta iniciativa que interveu con menores de centros de Vigo, Pontevedra, Ourense, A Coruña e Rábade. Para 2023 ampliarase a intervención a centros de Ferrol e Santiago polo que se prevé poder atender a uns 70 menores.

Esta actuación forma parte do conxunto de medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero desenvolvidas en Galicia e conta cunha financiación este ano de 50.000 euros.

Desde 2019 e ata este 2022 o programa foi incrementando o seu número de participantes ata acadar no período os 140 beneficiarios. Con esta medida, a Xunta de Galicia trata de dar resposta axeitada e previr comportamentos violentos entre a poboación moza.

Os menores incorporados ao Proxecto Fénix son derivados a través da Fiscalía de Menores, establecendo unha rede de traballo coa Secretaría Xeral da Igualdade. A idea é levar a cabo o proxecto en todo o territorio galego para dar resposta directa e inmediata ás demandas das fiscalías e xuíces preferentemente nos casos de menores con cargos penais por violencia de xénero. Tamén está aberto á intervención en centros de menores en xeral e nos Centros de Intervención Educativa en Medio Aberto (CIEMA) que traballan na atención integral aos menores infractores, en especial, aos adolescentes en situación de conflito social.

Data de actualización: 08/01/2023