A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a presentación do último informe sobre prezos e mobilidade da terra rústica

A Xunta celebra a cifra récord de mobilidade de terras rústicas por compravenda dende o ano 2008

Segundo o último informe do Observatorio Galego de Mobilidade de Terras, no 2021 acadáronse transaccións con 18.820 hectáreas implicadas (6.124 ha de superficie agraria útil e 12.696 ha de monte), cun valor económico de 230 millóns de euros


Comparando o bienio 2020-2021 co anterior, o incremento da superficie transaccionada foi dun 54%, cun tamaño medio de parcela de aproximadamente 0,3 hectáreas


O número de operacións ascendeu a 66.926, das cales 24.174 pertencen a superficie agraria útil e 42.752 son de monte
 

Boqueixón (A Coruña), 10 de xaneiro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Xunta celebra que en 2021 se acadaron os valores máximos de mobilidade de terras rústicas por compra-venda dende o ano 2008. En total, transaccionáronse 18.820 hectáreas, das cales 6.124 son de superficie agraria útil e as 12.696 restantes de monte. Así o reflicte o último informe elaborado polo Observatorio Galego de Mobilidade de Terras que foi presentado hoxe no pazo de Quián, no marco dunha reunión presidida pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. Neste informe analízase a situación do mercado de terras rústicas na nosa comunidade entre os anos 2008 e 2021.

 

Segundo este informe, ao comparar o período 2020-2021 co bienio previo, o incremento da superficie transaccionada foi dun 54%. O tamaño medio da parcela involucrada mantívose estable, cunha cifra aproximada de 0,3 hectáreas: 0,25 ha de superficie agraria útil e 0,33 ha para monte.

 

Neste senso, o Observatorio Galego de Mobilidade de Terras indica que no bienio 2020-2021 realizáronse 66.926 operacións de compravenda, das cales 24.174 foron de superficie agraria útil e 42.752 de monte. Deste xeito, o mercado de compravenda de terreos rústicos en Galicia acadou un volume de arredor de 500 millóns de euros no período 2019-2021, dos cales 230 millóns corresponden só ao ano 2021.

 

No relativo á taxa de mobilidade, no conxunto de Galicia situouse nun 0,94% no ano 2021, polo que experimentou un incremento notable dende o ano 2019, cando estaba no 0,57%. Estas taxas de mobilidade son superiores na metade norte da comunidade, coincidindo coas principais comarcas gandeiras de vacún de leite, e especialmente na provincia da Coruña.

 

No referido aos prezos, os datos case igualan os máximos de toda a serie analizada dende o ano 2008, na contorna de 1,2 €/m2 de media; con 1,91 €/m2 para a superficie agraria útil fronte aos 0,82 €/m2 para o monte.

 

O Observatorio

O Observatorio Galego de Mobilidade de Terras xorde dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural, a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela.

 

Deste xeito, o Observatorio nace co obxectivo de recoller, elaborar e difundir información anual sobre a mobilidade de terras rústicas en Galicia, co fin de mellorar a transparencia dos mercados e coñecer as dinámicas que se dan sobre estas terras para poder deseñar e implantar políticas públicas e aproveitar mellor a terra e os recursos do territorio.

Enlace ao Observatorio Galego de Mobilidade de Terras para acceder ao informe:

https://agader.xunta.gal/gl/planificacion/observatorio-de-mobilidade-de-terras/

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/01/2023