A Xunta dedicará preto de 900.000 euros ao programa de intervención con nenos e adolescentes vítimas de abusos sexuais

Ten como obxectivo o tratamento terapéutico en menores e o asesoramento e acompañamento ás familias

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o concerto social desta iniciativa, para o que as entidades interesadas poden concorrer

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023 O A Xunta de Galicia destinará preto de 900.000 euros na consolidación para os vindeiros anos do programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abusos sexuais, a través da Consellería de Política Social e Xuventude. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o concerto social desta iniciativa, para o que as entidades interesadas poden concorrer.

O programa de intervención ten como obxectivo o tratamento terapéutico en menores vítimas das diferentes formas de abuso sexual infantil e o asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o seu coidado. O abuso impacta sobre todas as áreas de desenvolvemento da vítima: física, de conduta, emocional e sexual, e tamén pode ter incidencia no establecemento e mantemento de relacións sociais, de aí a importancia de intervir de xeito terapéutico cos menores vítimas destas situacións.

Os casos serán derivados á unidade de intervención desde a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, onde se realizará unha avaliación e se formulará o tratamento que responda ás necesidades do neno ou nena.

Seguridade e prevención

Entre outros aspectos, achegarase unha axuda psicolóxica por parte de profesionais acreditados e con formación específica neste ámbito. A súa finalidade é achegar un contexto de seguridade e de prevención e acompañar ao menor e aos seus coidadores na adquisición de información e habilidades para afrontar as consecuencias do abuso.

A Xunta de Galicia é consciente de que a violencia sexual contra os menores é un fenómeno escasamente denunciado e, ante iso, a Administración autonómica traballa desde varios eidos que van desde a concienciación e prevención ata o tratamento. O Goberno galego procura con este programa seguir actuando e loitando ante estas graves situacións.

Data de actualización: 11/01/2023