Lete Lasa subliña a recuperación do Xogade que nesta tempada 2022/2023 xa duplica os inscritos no cross escolar

Participa na entrega de premios do Zonal de Campo a Través do Val do Salnés no que participaron preto de 15.000 rapaces e rapazas de 16 centros educativos

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou neste inicio de ano a recuperación do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar) que xunta toda a oferta deportiva escolar e federada para os rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos. Neste sentido, na presente tempada, contabilízanse 33.582 nenos e nenas inscritos na actividade escolar de campo a través, unha das máis populares do Xogade, e que representa un incremento de preto do 100% con respecto a pasada tempada 2021/2022 (17.557).

O mandatario galego fixo estas declaracións na mañá de hoxe na entrega de medallas do Zonal de Campo a Través do Val do Salnés no que participaron preto de 1.500 rapaces (1.482) de Primaria e Secundaria de 16 centros educativos, nas categorías de benxamín, alevín, infantil e cadete. A actividade foi organizada polo Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra e a Agrupación Deportiva Escolar Val do Salnés. Os nenos e nenas participantes representaron aos centros CPR Plurilingüe Abrente (Sanxenxo), IES Francisco Asorey (Cambados), CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñero (Cambados), IES de Meaño (Meaño), CEIP As Covas (Meaño), CEIP Viñagrande Deiro (Vilanova de Arousa), CEIP A Florida (Sanxenxo), CEIP Plurilingüe San Bartolomé (Vilanova de Arousa), CEIP As Bizocas (O Grove), CEIP de Castrelo (Cambados), CEIP Coirón Dena (Meaño), CEIP Valle Inclán (O Grove), IES Monte da Vila (O Grove), CEIP San Roque Corón (Vilanova de Arousa), CEIP Corvillón (Cambados) e CEIP Conmeniño (O Grove).

O mandatario galego destacou a importancia do deporte nas idades máis temperás por ser “hábitos que permanecerán na vida dos máis pequenos ata as idades máis avanzadas” e que permiten que, “pouco a pouco, consigamos esa Galicia activa e saudable que todos queremos e que afasta as enfermidades provocadas polo sedentarismo e a inactividade física”. Deste xeito lembrou que a Xunta de Galicia financia o seguro deportivo de todos os participantes no programa sen repercutir este gasto ás familias e que, na presente tempada, a prima anual media será de 2,16 millóns de euros, un 21,5% máis que a prima media anual de 2022, grazas ao contrato asinado de 4,3 millóns de euros ata 2024.

A edición da tempada pasada 2021/2022 rexistrou un total de preto de 156.000 participacións nas diferentes modalidades de Xogade grazas a participación de máis de 120.000 rapaces e rapazas de toda Galicia, o que representa que pouco a pouco vanse recuperando, e mesmo superando, as cifras de participación pre pandemia, que se situaban en 128.000 nenos e nenas. A duplicación dos inscritos na actividade escolar de campo a través na tempada actual é a maior mostra de esta tendencia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/01/2023