A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou a senda recuperada entre a praia do Curro e o monte San Sebastián

A Xunta destinou 200.000 € ao acondicionamento do bordo litoral do esteiro do río Anllóns e á súa restauración ambiental

A actuación permitiu aumentar o percorrido da senda peonil existente na zona ata alcanzar os 4,5 quilómetros nos últimos treitos da ribeira do río, o que contribuirá a mellorar a calidade de vida dos usuarios deste espazo

O GALP Costa da Morte, que ampara o proxecto, desenvolveu 51 dos 661 proxectos postos en marcha polos Grupos de Acción Local Pesqueiro entre 2016 e 2021

Cabana de Bergantiños (A Coruña), 13 de xaneiro de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe os traballos de acondicionamento ambiental e posta en valor do bordo litoral realizados no esteiro do río Anllóns, promovidos polo Concello de Cabana de Bergantiños e levados a cabo ao abeiro do Grupo de Acción Local Pesqueiro (GALP) Costa da Morte. En concreto, esta actuación posibilitou a recuperación da servidume de tránsito e a restauración ambiental entre a praia do Curro e o monte San Sebastián –uns 1.000 metros– ante a necesidade de mellorar o seu estado.

A conselleira, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o alcalde da localidade, José Muíño, especificou que o proxecto contou cunha axuda pública de preto de 200.000 euros (o 85% do custe total) para mellorar a calidade de vida dos usuarios deste espazo, aumentando o percorrido da senda peonil existente ata alcanzar os 4,5 quilómetros nos últimos treitos da ribeira do río Anllóns.

A titular de Mar puxo en valor este proxecto ao tratarse dun espazo protexido con alto valor ambiental e natural, incidindo no atractivo turístico e na recuperación dos sinais de identidade propios do municipio así como na busca de compatibilizar os usos do litoral cos sociais, culturais e de lecer. Neste sentido, salientou a contribución desta iniciativa á hora de concienciar e educar tanto sobre os valores do territorio costeiro da Costa da Morte como da súa cultura mariñeira.

O GALP Costa da Morte levou a cabo un total de 51 proxectos dos 661 que desenvolveron os Grupos de Acción Local Pesqueiro durante o período 2016-2021. De feito, dos 38 millóns de euros que destinou a Xunta a estas iniciativas, un 14% (5,3 millóns) foron para este grupo, ao mesmo tempo que dos 470 empregos que se crearon en Galicia a tempo completo grazas a estas iniciativas 30 corresponderon a este GALP.

A actuación

Os traballos levados a cabo durante o pasado ano no bordo litoral do esteiro do río Anllóns incluíron movementos de terra, drenaxe, actuacións de xardinería, pavimentación e inclusión de mobiliario urbano e sinalización, entre outros. Así, a senda actual entre a praia do Curro e o monte San Sebastián dispón de paneis interpretativos que axudan a coñecer o hábitat fluvial e fomentan a protección dun lugar de importancia comunitaria, así como dos produtos da actividade marisqueira.

O espazo conta tamén cun novo observatorio de aves nunha contorna declarada de especial protección destes animais, onde se vén desenvolvendo unha importante tarefa de investigación e divulgación. O proxecto ten unha funcionalidade paisaxística, de carácter turístico, recreativo e de desenvolvemento sostible co fin de construír unha zona de esparexemento e interpretación ambiental.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023