A Xunta ten aberta ata o 2 de febreiro a liña de apoios por 2,1 M€ para a mellora das infraestruturas dos parques empresariais

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá o polígono do Morelle en Sarria, onde se mobilizaron preto de 150.000 euros en obras viarias


Pon en valor a colaboración institucional para captar novos investimentos cara ao tecido industrial


Estes apoios súmanse aos 3,5M€ dirixidos á posta en marcha de novos viveiros industriais e de reforzo nas redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, destinando en total 5,6M€ este ano á mellora e modernización dos polígonos
 

Sarria (Lugo), 13 de xaneiro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou esta mañá o polígono do Morelle en Sarria, onde mantivo un encontro con empresarios da zona e visitou as diferentes melloras realizadas en obras viarias neste parque empresarial, nas que o Concello de Sarria mobilizou preto de 150.000 euros co apoio da Administración autonómica.

Durante a visita, o responsable de Economía, Industria e Innovación puxo en valor a colaboración institucional para captar novos investimentos cara ao tecido industrial galego. Neste eido, a Xunta destina este ano 5,6 millóns de euros en axudas para a mellora e modernización dos parques empresariais, e dentro destes apoios, ata o 2 de febreiro está aberto o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria para a mellora de infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Administración autonómica destina un total de 2,1M€. Esta liña ten como obxectivo dar resposta ás novas necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover o emprego local.

Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

 

As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.

 

Xunto con estas axudas, o Goberno galego seguirá executando en 2023 os apoios concedidos a maiores -por importe de 3,5M€- para a posta en marcha de sete viveiros industriais e para o reforzo e extensión das redes de distribución de tres polígonos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023