O presidente do Goberno galego visitou a firma tecnolóxica Marexi Advanced Technologies, beneficiaria da primeira edición do programa Investigo

Rueda subliña que a Xunta destinará case 30 M€ ao Plan Emprega Xuventude co obxectivo de beneficiar a 2.000 mozos e mozas galegos

Destaca os resultados do programa Investigo que favoreceu o ano pasado a contratación de 380 mozos en eidos punteiros como a investigación, a tecnoloxía e a innovación

Avanza que a segunda edición desta iniciativa, que conta cun orzamento de 9 M€, aspira a abrir as portas do mercado laboral cualificado a 410 menores de 30 anos

Salienta que o Plan Emprega Xuventude -no que está integrado Investigo- ten como principal obxectivo impulsar un emprego con garantías e oportunidades para que a mocidade elixa Galicia para emanciparse: “Queremos reter o inmenso talento que temos en Galicia”
 

Vigo, 13 de xaneiro de 2023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, subliña que a Xunta destinará este ano case 30 millóns de euros ao Plan Emprega Xuventude co obxectivo de beneficiar a 2.000 mozos e mozas galegos. O titular da Xunta deu a coñecer o orzamento previsto para esta iniciativa nunha visita á firma tecnolóxica Marexi Advanced Technologies, beneficiaria da primeira edición do programa Investigo, encadrado no Plan Emprega Xuventude para facilitar a contratación da mocidade galega en eidos punteiros como a investigación, a tecnoloxía ou a innovación.

Alfonso Rueda indicou que o Plan Emprego Xuventude pretende, entre outros obxectivos, impulsar un emprego con garantías e oportunidades para que a mocidade elixa Galicia para emanciparse. Con esa intención, a Xunta reeditou este ano o programa cunha nova convocatoria á que se destinan case 30 millóns de euros coa intención de mellorar a inserción laboral dos máis novos e de beneficiar a 2.000 galegos. “Queremos reter o inmenso talento que temos en Galicia”, asegurou o mandatario galego, convencido de que “a maioría deles queren traballar na súa terra”.

O desafío da Xunta, tal e como explicou o presidente, é que o emprego xuvenil siga medrando como o fixo no último ano, cun incremento dun 2,19% nas afiliacións á Seguridade Social entre os menores de 30 anos entre decembro de 2021 e o mesmo mes de 2022. Por unha banda, incentivando a contratación da mocidade nas empresas e, por outra, mellorando a formación e tratando de identificar as oportunidades laborais para adaptar as competencias dos mozos e das mozas ao mercado laboral.

Con esa finalidade puxéronse en marcha iniciativas como a Axenda galega de capacidades para o emprego -que identifica as necesidades formativas da man das empresas para dar resposta aos novos retos- ou a nova estratexia de emprego Xempre Contigo -que persegue un mercado laboral máis accesible e próximo para que os traballadores galegos atopen un posto de traballo axeitado á súa formación e para que as empresas galegas melloren a súa produtividade con persoal cualificado-.  

O programa Investigo

O programa Investigo forma parte do Plan Emprego Xuventude como unha panca para impulsar a contratación da mocidade en eidos punteiros para o desenvolvemento de Galicia como a investigación, a tecnoloxía e a innovación. Na súa primeira edición favoreceu a contratación de 380 mozos e mozas galegos e a nova convocatoria, que xa está en marcha e conta cun orzamento de 9 millóns de euros, aspira a abrir as portas do mercado laboral cualificado a 410 menores de 30 anos.

Na visita a Marexi Advanced Technologies, unha firma asentada en Vigo e especializada nas novas tecnoloxías aplicadas á industria do mar, Alfonso Rueda, que acudiu acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, coñeceu de primeira man o traballo desenvolvido polos 15 traballadores contratados ao abeiro do programa Investigo e puxo en valor este tipo de iniciativas para abrir as portas do mercado laboral aos máis novos e avanzar así na construción da Galicia do futuro. “Hai moito talento aquí”, subliñou o presidente da Xunta, quen recordou que o programa Investigo “busca darlles aos mozos e as mozas a primeira oportunidade de traballar en postos cualificados”.     

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2023