A Xunta reforza o parque público residencial coa compra de 55 vivendas a Abanca nunha trintena de Concellos por 3,9 M€
Heriberto García explica que estes inmobles pasarán a ser cualificados como de promoción pública e serán destinados a alugueiro social a prezos accesibles
Os actuais inquilinos son, na súa maior parte, familias afectadas por desafiuzamentos ou en situación de vulnerabilidade e tras a adquisición poderán seguir residindo nestas vivendas nas mesmas condicións que ata o de agora
A Xunta reforza o parque público residencial destinado a alugueiro coa compra de 55 vivendas a Abanca nunha trintena de concellos por 3,9 millóns de euros.
Logo de asinar as escrituras de compravenda coa entidade bancaria, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, sinalou que todas estas vivendas pasarán a ser cualificadas como de promoción pública e serán destinadas a alugueiro social a prezos accesibles.
Segundo precisou Heriberto García, o IGVS xa xestionaba na actualidade estes 55 inmobles en virtude dun convenio de colaboración subscrito coa entidade financeira no ano 2019 para garantir que persoas e familias afectadas por execucións hipotecarias puidesen manter as súas vivendas habituais, e que colectivos desfavorecidos ou en situación de exclusión social tivesen acceso a un contrato de alugueiro social a prezos reducidos.
Por iso, unha vez propiedade da Xunta, os inquilinos que ocupan actualmente estes inmobles e que na súa maior parte se corresponden con persoas en situación de vulnerabilidade, poderán seguir vivindo nelas nas mesmas condicións que ata o de agora, incluído o importe que pagan en concepto de alugueiro, que oscila entre os 41 euros e os 125 euros mensuais (unha media de 79 euros).
De feito, o director xeral do IGVS incidiu en que un dos obxectivos de promover desta operación é facilitar a permanencia nos seus fogares de persoas vulnerables ou que se visen afectadas por un desafiuzamento ou unha execución hipotecaria no seu día e que, por conseguinte, necesitan un alugueiro social.
Así mesmo, a Xunta tamén avanza no seu obxectivo de incrementar o actual parque público residencial baixo a súa titularidade, reforzando a oferta naqueles municipios onde segue existindo demanda de vivendas protexidas en réxime de alugueiro.
A continuación detállanse os municipios e as vivendas propiedade de Abanca que vén de adquirir o IGVS.
CONCELLO | NÚMERO DE VIVENDAS |
A Coruña | 4 |
A Laracha | 1 |
Cee | 1 |
Miño | 1 |
Narón | 1 |
Negreira | 1 |
Porto do Son | 1 |
Ribeira | 2 |
Monterroso | 1 |
Rábade | 1 |
Sarria | 1 |
Ourense | 3 |
Verín | 1 |
Vilar de Santos | 1 |
A Cañiza | 3 |
A Guarda | 2 |
Caldas de Reis | 2 |
Cangas | 1 |
Lalín | 1 |
Marín | 1 |
Moaña | 1 |
Mondariz | 1 |
Nigrán | 1 |
Ponteareas | 1 |
Pontecesures | 2 |
Pontevedra | 1 |
Salceda de Caselas | 1 |
Salvaterra de Miño | 4 |
Silleda | 2 |
Tomiño | 2 |
Vigo | 8 |
Vilanova de Arousa | 1 |
TOTAL | 55 |