A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou hoxe o inicio das obras

A Xunta inicia as obras para transformar en 14 vivendas públicas na entre planta dun inmoble autonómico no concello de Narón

Esta actuación, cun investimento de 1,6 M€, permitirá transformar en fogares locais inicialmente estaban previstos para oficinas e que estaban sen uso

Os traballos, cun prazo de execución de 12 meses, darán lugar a novas vivendas, maioritariamente de tres dormitorios, e dúas tipo loft

A Xunta avanza para licitar as futuras 91 vivendas públicas en dúas parcelas cedidas polo Concello de Narón

Allegue reclama ao Estado a cesión das máis de 2.500 vivendas baleiras da Sareb en Galicia, que as ten bloqueadas, para incorporalas ao parque público residencial

Narón (A Coruña), 11 de setembro de 2026

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou hoxe no concello de Narón o inicio das obras para transformar en 14 vivendas públicas na entreplanta dun inmoble de titularidade autonómica situado na rúa Ponte Pielas, en Freixeiro,  que se destinarán á compra.

Os traballos, cun investimento de 1,6 M€, atópanse xa en execución e teñen un prazo de 12 meses, e a conselleira destacou que se axilizarán na medida do posible, para “que sexan unha realidade canto antes”.

Allegue enmarcou esta actuación nas medidas impulsadas pola Xunta para incrementar a oferta de vivenda pública, neste caso concreto a modificación normativa para favorecer a conversión de locais en vivendas. Deste xeito, a actuación iniciada hoxe permitirá dar uso a uns locais que inicialmente estaban previstos para oficinas e que permanecían sen actividade. As futuras 14 vivendas, como explicou, serán adxudicadas a persoas inscritas como demandantes de vivenda no concello.

Destacou a “calidade” deste proxecto, que contempla vivendas maioritariamente de tres dormitorios, ademais de dúas tipo loft. Serán fogares accesibles, luminosos e eficientes enerxéticamente.

A conselleira sinalou tamén que a Xunta avanza para licitar proximamente as obras das outras  91 vivendas de promoción pública que construiría en dúas parcelas cedidas polo Concello.

Sareb

Por outra banda, Allegue  reclamou tamén ao Goberno central a cesión das 2.500 vivendas baleiras das que dispón a Sareb para poder incorporalas ao parque público residencial de Galicia. “Pedimos ao Goberno central que se deixe de experimentos como Casa 47 e nos ceda esas vivendas baleiras que ten na comunidade”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/09/2026