A Xunta adxudica máis de 900.000 € a dez entidades sociais para proxectos de prevención do VIH e outras infeccións de transmisión sexual
O delegado territorial da Xunta e a directora xeral de Saúde Pública visitan as instalacións do Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO), que recibiu a maior puntuación e percibirá 145.000 euros para este novo período
O seu proxecto busca realizar accións de saúde pública no campo do VIH/Sida e ITS na sociedade en xeral e sobre todo nos grupos máis vulnerables
A Coruña, 16 de xaneiro de 2023
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron este luns as instalacións do Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) con motivo da recente resolución da convocatoria de axudas da Xunta no eido da saúde pública para entidades sociais que realicen no período 2022-2025 proxectos no campo do VIH/Sida e outras infeccións de transmisión sexual.
Un total de dez entidades sociais de toda Galicia foron beneficiarias destas axudas dotadas con máis de 900.000 euros na convocatoria para este novo período. En total, desde o ano 2009 a administración autonómica destinou máis de 3,5 millóns de euros en axudas a unha trintena de entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia.
En particular, o proxecto presentado por CASCO foi o que obtivo a maior puntuación, polo que se lle asignaron máis de 145.000 euros para este novo período. Entre os fins da entidade atópase a prevención da SIDA e a sensibilización da cidadanía, así como a intervención en calquera tipo de problemática derivada da exclusión social. Tamén a prevención, información e mediación nos ámbitos da saúde e da exclusión social do colectivo LGBTQI.
A través do seu proxecto realizan accións de saúde pública no campo do VIH e das ITS, na sociedade en xeral e sobre todo nos grupos máis vulnerables. Acumulan unha experiencia de varias décadas e o seu ámbito de actuación é a área sanitaria da Coruña.
Os seus obxectivos xerais diríxense a intervir nos colectivos diana para evitar a transmisión do VIH e ITS, e ao tratamento de persoas xa infectadas, ofrecéndolles axuda en materia xurídica, social, psicolóxica ou asistencial. Inclúense tamén obxectivos máis específicos como campañas de concienciación inclusivas de todas as ITS dirixidas á mocidade, especialmente ao colectivo LGTBI, ou a realización da proba rápida de detección do VIH a persoas con prácticas de risco.
O proxecto ten unha duración de 3 anos e recolle diversas actividades entre as que se atopa o Programa sobre liberdade afectivo sexual en poboación xeral e colectivos especialmente vulnerables: Sexpoint. Nunha primeira fase formouse o equipo e iniciáronse os traballos de intervención individual, tanto presencial como nas redes, así como a intervención comunitaria. Agora, os vindeiros pasos diríxense á intervención comunitaria en pacientes de VIH e ITS; o impulso de liñas de investigación que permitan crear un perfil dos usuarios; e a promoción de talleres de educación en materia de afectividade sexual en centros educativos.
Tamén contan con actividades encasas de acollida, tanto para persoas con VIH como para persoas en situación de exclusión social. Por outra banda, a actividade de “calor-café”, traballa de maneira directa e diaria cos colectivos máis desfavorecidos, tentando impedir a transmisión do VIH e facilitando necesidades básicas. Esta actividade desenvólvese no local do CASCO, dentro do calor-café. A través dela, dáse acceso a comida, un lugar onde resgardarse, acceso a Internet ou servizo de mediación para a resolución de conflitos. Cada día aténdense entre 70 e 80 persoas.
Actuación na prevención e no tratamento
Nos últimos oito anos, estase a apreciar unha tendencia á diminución da incidencia do VIH en Galicia. Así, no período 2004-2021 a indicencia media anual foi de 6,4 casos por cada 100.000 habitantes, situando á Comunidade por debaixo da media española, próxima aos 10 casos por 100.000 habitantes no mesmo período. En particular, no ano 2021 (últimos datos pechados), a incidencia foi de 4,8 infeccións por 100.000 habitantes, fronte aos 5,7 por 100.000 habitantes de 2019.
Para continuar neste camiño, ademáis da colaboración con entidades sociais como CASCO, das campañas de divulgación, dos recursos de información a través das aplicacións e redes sociais e das actuacións no eido educativo, no 2011 a Xunta de Galicia puxo en marcha o programa de probas rápidas, dispoñibles de xeito gratuíto, anónimo e accesible nas catro provincias galegas nos centros Quérote+ e en diferentes entidades que colaboran coa sanidade pública. A posta en marcha deste programa posibilitou que en dez anos se realizasen preto de 9.000 probas rápidas, que permitiron detectar máis de 136 casos.