O presidente da Xunta visitou as instalacións da firma en Outeiro de Rei, recentemente adquiridas por Industrias Lácteas Asturianas

Rueda valora a aposta de Reny Picot para contribuír a que Galicia transforme no 2025 o 75% do leite producido na Comunidade

Dá a benvida ao grupo empresarial asturiano que aposta por recuperar unhas instalacións que darán pulo á contorna e a toda Galicia: “Aquí empeza un futuro moi prometedor”

Reafirma o apoio do Goberno galego ao sector, que recibe achegas para afrontar as dificultades do contexto internacional, con anticipos de axudas, liñas de crédito para os gandeiros ou medidas como a Lei de recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións
 

Outeiro de Rei (Lugo), 17 de xaneiro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valora a aposta de Reny Picot para contribuír a que Galicia transforme no 2025 o 75% do leite producido na Comunidade. O mandatario galego aplaudiu o investimento de Industrias Lácteas Asturianas (firma máis coñecida pola súa marca comercial) e asegurou, nunha visita ás instalacións adquiridas pola empresa de Navia en Outeiro de Rei, que esta aposta por recuperar a explotación chairega dará un pulo á contorna e a toda Galicia: “Aquí empeza un futuro moi prometedor”, dixo.

A meta por acadar no ano 2025 unha porcentaxe de transformación do leite forma parte da Estratexia de dinamización do sector lácteo, na que se fixaron unha serie de obxectivos que se están a cumprir. Entre eles, a consolidación de industrias en Galicia -como Reny Picot en Outeiro de Rei ou Queserías Prado en Monforte-, a apertura de mercados -a través de certificacións como o selo Galicia 100%, de produtos alimentarios ligados á marca Galicia Calidade ou do futuro selo de leite de pastoreo-, a fortaleza da cadea de valor ou as políticas levadas a cabo para acadar un prezo do leite máis competitivo que reverta nunha mellora da calidade de vida dos gandeiros galegos. Alfonso Rueda destacou os logros acadados e valorou que os leven a cabo “os que realmente saben, as empresas do sector”.

O sector lácteo mostrou a súa fortaleza cando superou momentos de incertezas como os vividos primeiro coa pandemia e logo coa crise internacional provocada pola guerra de Ucraína. Nesas circunstancias difíciles quedou claro que estamos perante un sector moi potente e con moito potencial, unha das primeiras rexións lácteas produtoras da Unión Europea e líder en España que conta, só na provincia de Lugo, cunhas 3.000 explotacións, e que non deixa de investigar para crear e comercializar novos produtos derivados cada vez máis demandados polos consumidores.

Aposta por un sector con pasado e con futuro

En recoñecemento a esta traxectoria e na confianza que ofrece o seu potencial, o Goberno galego apoiou o sector lácteo coa achega a unhas 6.500 explotacións de máis de 55 millóns de euros transferidos polo Estado a raíz do conflito bélico internacional. Ademais, habilitáronse anticipos das axudas da PAC (Política Agraria Común) por valor de 200 millóns, activáronse liñas de crédito, ideáronse campañas de promoción e ofrecéronse expectativas de futuro con medidas como a Lei de recuperación da terra agraria, que xa está mobilizando 9.300 hectáreas co obxectivo de reactivar terras abandonadas e ampliar a base territorial das explotacións.

O presidente da Xunta, que visitou as instalacións acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, agradeceu a Reny Picot a súa aposta por Outeiro de Rei, “facendo patria en Galicia”, e animou a outras firmas do sector a seguir na mesma liña para que Galicia se consolide como unha potencia láctea en Europa e en España.

Alfonso Rueda avanzou que a Xunta seguirá traballando na defensa duns sectores primarios que non só están ligados á tradición galega senón tamén ao seu futuro, e que nese obxectivo, ademais da Estratexia do lácteo, o Goberno galego impulsou tamén a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas e a Estratexia de dinamización do sector cárnico, recentemente presentada.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/01/2023