A Xunta destaca que o tecido empresarial galego está sabendo interpretar as necesidades actuais xa que a metade das firmas xa desenvolven plans de transición enerxética

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá na Coruña na presentación do informe de BDO ‘Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2023’

O Goberno galego, a través da súa Axenda Financeira, colaborou na mobilización de máis de 121M€ durante o pasado ano

A Coruña, 23 de xaneiro de 2023 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou esta mañá na Coruña, durante a presentación do informe de BDO, Retos e perspectivas de investimento en Galicia para 2023, que o tecido empresarial galego está sabendo interpretar as necesidades actuais, xa que a metade das firmas xa desenvolven plans de transición enerxética.

O vicepresidente económico, que puxo en valor o traballo realizado por BDO neste informe, asegurou que se trata dun bo momento para facer balance en termos económicos e para analizar as perspectivas de crecemento. Así, Conde repasou a situación de incerteza dos últimos meses marcada pola inflación, o custo enerxético, a suba de tipos e as tensións nas cadeas de subministración, ademais da guerra de Ucraína.

Fronte a este contexto, Galicia conta con varios puntos fortes destacados neste estudo como a internacionalización -2022 volve ser ano de récord ao superar por primeira vez os 27.000 millóns de euros de vendas ao exterior, sumando seis anos consecutivos por riba dos 20.000 millóns-.

Este traballo tamén recolle que as empresas consultadas non temen os custos enerxéticos xa que están acelerando os seus plans de transición enerxética. En concreto un 48,8% das firmas de Galicia están neste camiño. Un obxectivo ao que a Administración galega destinará 80M€ no orzamento deste ano con apoios para promover o aforro e a eficiencia enerxética, así como as enerxías renovables.

Conde explicou que a transición enerxética é un dos eixos da axenda industrial de Galicia. Neste sentido desde o Goberno autonómico estase traballando por captar investimentos a través do acompañamento ao tecido empresarial e unha resposta áxil e fiable á hora de tramitar proxectos.

O vicepresidente económico tamén subliñou “a importancia da estabilidade e da confianza que desde a Xunta de Galicia se traslada en termos de investimentos, non só coa axilización da tramitación, senón tamén coa aposta desde a industria, a innovación e o desenvolvemento de renovables. Oportunidades que, vinculadas aos fondos europeos, marcan unha expectativa clara para que Galicia poida manter o nivel de investimentos, xerar emprego estable e captar talento para seguir sendo competitivos”.

Así, achégase estabilidade e medidas que favorecen o investimento como a Lei de simplificación administrativa ou a Axenda Financeira que en 2022 permitiu inxectar 44,5M€ ao tecido empresarial galego a través de distintos instrumentos que favoreceron a mobilización de 121M€.

 

Data de actualización: 24/01/2023