Galicia lidera un encontro de xestores portuarios autonómicos de toda España para analizar os principais eixos de traballo e establecer sinerxías

A Xunta celebrará os días 26 e 27 de xaneiro na Cidade da Cultura unhas xornadas técnicas con representantes das dez comunidades con competencias portuarias

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, organiza as Xornadas técnicas sobre xestión portuaria desde a perspectiva autonómica. Posta en común e sinerxías, que se celebrarán os vindeiros días 26 e 27 de xaneiro na Cidade da Cultura. O evento contará coa presenza de representantes das dez comunidades autónomas con competencias portuarias de toda España: Asturias, Cantabria, País Vasco, Cataluña, Baleares, Valencia, Murcia, Andalucía, Canarias e Galicia, que exerce como anfitrioa.

O obxectivo desta iniciativa é axilizar a comunicación entre os responsables da xestión portuaria autonómica dos distintos territorios para facilitar a posta en común dos principais eixos de traballo e retos na súa tarefa. Tamén compartir e optimizar o coñecemento adquirido por cada autonomía no desenvolvemento da súa actividade.

Entre as temáticas que se tratarán ao longo das xornadas atópanse a aplicación da Lei de Costas, a declaración de innecesariedade do solo portuario, o servizo de practicaxe, a administración telemática ou a xestión de residuos portuarios, entre outras. O programa está dispoñible para consulta de horarios e relatorios na web de Portos de Galicia.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 24/01/2023