A Xunta de Galicia resolve 120 expedientes de proxectos eólicos aos que o Goberno central impuxo como data límite o 25 de xaneiro

Lamenta que o Goberno non atendese a solicitude feita desde Galicia e o propio sector para ampliar os prazos, a pesar do que se resolveron 77 expedientes favorables e 43 desfavorables

Os parques que non acadaron o fito continuarán a súa tramitación en Galicia, grazas ás disposicións contempladas na Lei autonómica de medidas fiscais e administrativas
 

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2023

A Xunta de Galicia informa de que, tras o esforzo realizado para responder ás exixencias marcadas polo Goberno central que fixaba como data límite o 25 de xaneiro para resolver un total de 140 expedientes de proxectos eólicos, a Administración galega alcanza os 120. Deles, 77 resultaron favorables e 43 desfavorables.

Fronte ás incertezas creadas no sector por parte do Estado, a Xunta aposta por ofrecer seguridade xurídica aos promotores. Por este motivo, os 20 parques que non alcanzaron o fito continuarán a súa tramitación, tal e como contempla en Galicia a Lei autonómica de medidas fiscais e administrativas, se ben non se poderá autorizar o proxecto ata que volva obter por parte do Goberno o permiso de acceso e conexión. Neste sentido, a Xunta lamenta que o Goberno non atendese a solicitude feita desde Galicia e polo propio sector para ampliar os prazos.

Ademais, outra das modificacións introducidas contempla que non se executarán as garantías económicas —cando proceda— por considerar a existencia de causas non imputables ao promotor ante a imposibilidade material de cumprimento dos prazos.

Data de actualización: 24/01/2023