A Xunta impulsa a comercialización da Artesanía de Galicia con apoios para a participación en encontros nacionais e internacionais e a organización de feiras

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de conceder axudas por preto de 164.000€ para un total de 59 obradoiros para a asistencia a feiras profesionais dentro e fóra de España, así como para feiras de venda directa


A Asociación de Artesáns de Ourense, así coma os concellos de Tui, Monforte de Lemos e Camariñas resultaron tamén beneficiarios desta convocatoria
 

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023 A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación concedeu axudas para o fomento da comercialización no sector artesanal por un importe de preto de 164.000€, tal e como vén de publicarse no DOG. Os beneficiarios son 59 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, a Asociación de Artesáns de Ourense e os concellos de Tui, Monforte de Lemos e Camariñas.

Grazas a esta liña de axudas, apóiase os obradoiros artesanais para a asistencia a feiras tanto profesionais como de venda directa e de Nadal, dentro e fóra de Galicia. Entre as que recibiron este apoio atópanse as feiras profesionais Maison&Objet e Première Classe, (París, Francia), Spoga Horse (Köln, Alemaña), Exponor (Porto, Portugal), Expohogar (Barcelona) ou Intergift, Bisutex e Madrid Joya, que se celebran en Madrid.

En canto ás feiras de venda directa e de Nadal, a Xunta apoiou a participación do sector artesán galego en eventos como Biocultura (Madrid) e en feiras celebradas en diferentes localidades españolas: Burgos, Sevilla, Bilbao, Artisau (Álava), Zaragoza, Toledo, Albacete, Burgos, Cáceres, Altea, Valladolid, Albacete, León, Soria, Ibiza, Santander, San Sebastián, Ávila, Granada ou Guadalaxara. Esta liña de contemplaba unha axuda máxima de 8.000€ para os obradoiros beneficiarios. Resultou tamén beneficiaria a Asociación de Artesáns de Ourense (ADAO), cun importe total de 10.000€ de apoio para a organización do Mercado de Nadal de Ourense.  

No caso dos concellos, resultaron beneficiados Camariñas, para a organización da Mostra do Encaixe; Tui, para a celebración da XXIV Feira de Artesanía de Tui; e Monforte de Lemos, para a feira Artelemos.

Data de actualización: 27/01/2023