A Xunta impulsa a formación sobre emprendemento feminino e plans de igualdade nas entidades galegas de atención ás persoas con discapacidade

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe o taller formativo no que participaron preto de 45 persoas que poderán obter un certificado de aproveitamento do curso

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na presentación do webinario Intervención, emprendemento feminino e plans de igualdade dirixido a entidades de atención a persoas con discapacidade intelectual e o desenvolvemento en Galicia.

En total tomaron parte preto de 45 persoas no taller formativo no que asistiron como docentes a consultora en Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e sustentabilidade, Noelia López; e a representante da Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual (Fademga), Rosa González.

As persoas que asistiron á formación poden acceder a un certificado de aproveitamento do taller unha vez que aproben un test de avaliación que estará dispoñible no campus virtual de igualdade laboral ata o próximo luns 6 de febreiro. 

En palabras da directora xeral, resulta fundamental seguir formando ás persoas responsables das entidades que atenden ás persoas con discapacidade na elaboración dos plans de igualdade e, ao mesmo tempo, continuar co labor de sensibilización para loitar contra os estereotipos que hoxe en día seguen existindo.

A iniciativa forma parte do programa formativo do Campus Virtual de Formación en Igualdade Laboral e Relacións Laborais, un espazo virtual da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade aberto para formar e sensibilizar a profesionais e cidadanía en xeral na importancia da igualdade laboral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2023