O Sergas publica a resolución que posibilita a incorporación dos médicos da nova categoría de facultativo especialista de atención primaria a postos de difícil cobertura
Téñense adxudicado as 106 prazas de facultativo especialista de atención primaria convocadas en abril do 2022
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, pola que se nomea persoal estatutario fixo e adxudícase destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á categoría de facultativo especialista de atención primaria.
Este proceso convocado a finais do mes de abril, ten por obxecto dar unha resposta adecuada ás necesidades actuais da atención primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais médicos de familia.
Participaron neste proceso 355 persoas aspirantes, para cubrir un total de 106 prazas.
Coa finalidade de cubrir canto antes as prazas ofertadas, o 24 de outubro do pasado ano publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución parcial do proceso selectivo co nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos 91 aspirantes seleccionados que elixiron destino.
Finalizado o prazo de toma de posesión dos 91 seleccionados, catro persoas non formalizaron a incorporación ao servizo activo no destino adxudicado, polo que se ofertaron ao resto de aspirantes por orde de puntuación as prazas non elixidas no acto de elección e as catro nas que non tivo lugar a incorporación, un total de 19 prazas.
As prazas que se ofertaron, e que agora se adxudican son, sete na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; sete na área sanitaria de Vigo; tres na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés; e unha en cada unha das áreas sanitarias da Coruña e Cee; e na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Os 19 novos médicos facultativos de atención primaria desenvolveran necesariamente as súas funcións e prestación de servizos tanto nos centros de saúde como nos puntos de atención continuada. Para este novo persoal fixo ábrese o prazo dun mes para que se incorporen á praza adxudicada.