A Xunta impulsa melloras ambientais e nas infraestruturas municipais de Sober con achegas que suman máis de 76.000€
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou a localidade para coñecer as accións realizadas nos últimos anos ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental e da Orde de infraestruturas de uso público
O Goberno galego apoiou a adquisición dun vehículo eléctrico, a reforma do parque infantil e da área biosaudable na alameda, e a mellora da eficiencia enerxética na oficina de turismo
As novas convocatorias de axudas aos concellos están xa abertas, con orzamentos de 3,5M€ para infraestruturas e de máis de 11M€ para proxectos ambientais
Sober (Lugo), 31 de xaneiro de 2023
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o concello de Sober para coñecer as melloras realizadas nos últimos anos ao abeiro da Orde para a creación ou mellora de infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais e do Fondo de Compensación Ambiental. No marco destas liñas de axudas, a Xunta impulsou nos anos 2021 e 2022 diversos proxectos con achegas que suman máis de 76.000 euros.
Diego Calvo visitou a contorna da alameda, na que se reformaron o parque infantil e a área biosaudable, así como a súa contorna, cunha colaboración do Goberno galego de 36.336 euros enmarcada na Orde de infraestruturas. Coas obras renováronse os elementos de xogo e a pavimentación a prol dunha maior seguridade, ademais de mellorar a integración das áreas na paisaxe.
Por outra banda, a través do Fondo de Compensación ambiental acondicionouse a cuberta da oficina de turismo para mellorar a eficiencia enerxética e o confort da edificación. Tamén se adquiriu un vehículo eléctrico tipo furgoneta, apostando así pola mobilidade sustentable no traslado do persoal municipal e dos materiais precisos en tarefas de protección e conservación do medio. A Xunta destinou a estas accións 9.714 e 29.960 euros, respectivamente.
O vicepresidente segundo incidiu na importancia destas liñas de axudas no marco do compromiso do Goberno galego cos concellos, como administracións máis próximas á cidadanía na prestación de servizos básicos, e co reequilibrio territorial, ao facilitar uns servizos de calidade a todos os galegos e galegas con independencia do seu lugar de residencia. Así, nos últimos anos as medidas de apoio ao eido local traducíronse en Sober en achegas que suman case 600.000 euros.
Novas convocatorias abertas
Diego Calvo lembrou que a Xunta abriu este mes os prazos das novas convocatorias da Orde de infraestruturas, dotada con 3,5M€, e do Fondo de Compensación Ambiental, cun orzamento superior aos 11 millóns de euros. “Animamos as entidades locais a participar destas medidas, que só no pasado ano impulsaron 325 proxectos en todo o territorio galego” apuntou.