A Xunta acredita a 130 militares a súa experiencia profesional en vixilancia e seguridade privada, atención sanitaria e amarre de portos

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou hoxe no Cuartel de Dolores do Tercio Norte de Infantería de Marina o acto de entrega dos certificados
 

Un convenio asinado en 2020 entre a Xunta e o Ministerio de Defensa permite a persoal militar recoñecer as súas competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral
 

A iniciativa está dirixida a persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o que se atope en situación legal de desemprego durante os dous anos posteriores a súa data de baixa nas Forzas Armadas
 

Lorenzana destaca que as competencias profesionais e a experiencia laboral son hoxe dous requisitos clave para acceder e manterse no mercado de traballo
 

Ferrol, 31 de xaneiro de 2023

Un total de 130 militares recibiron hoxe en Ferrol os diplomas e certificados que acreditan a súa experiencia profesional en tres categorías: vixilancia e seguridade privada, atención sanitaria a múltiples vítimas e catástrofes e amarre de porto e monoboias.

Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia que permite a persoal militar recoñecer a súas competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou hoxe o acto de entrega destes diplomas e certificados no Cuartel de Dolores do Tercio Norte de Infantería de Marina.

Un convenio asinado entre a Xunta e o Ministerio de Defensa en 2020 permite participar no procedemento do recoñecemento da experiencia laboral (REXP) ao persoal militar que teña unha relación de servizos de carácter temporal co Ministerio de Defensa, incluído o persoal que se atope en situación legal de desemprego, durante os dous anos posteriores a súa data de baixa nas Forzas Armadas. O convenio inclúe a acreditación nas tres especialidades referidas.  A de vixilancia e seguridade privada contén á súa vez dous certificados de profesionalidade: en vixilancia e protección de persoas; e en vixilancia e protección de explosivos.

Lorenzana destacou que esta iniciativa permite hoxe que Galicia conte con persoas traballadoras mellor preparadas para enfrontarse ao mercado laboral e sinalou que é un recoñecemento oficial ás competencias profesionais e experiencia laboral, dous aspectos clave para acceder e manterse hoxe en día no mercado de traballo.

O 95% das persoas traballadoras que se presentaron á convocatoria de 2022 superaron as probas, unha formación para o emprego que, segundo indicou a conselleira, é prioritaria na actualidade para que as empresas galegas poidan ser máis competitivas e diferenciarse a través dun cadro de persoal formado por capital humano capacitado e experimentado.

Recoñecemento da Experiencia Profesional

A Xunta é pioneira desde 2011 en impulsar o recoñecemento da competencia profesional. Nas 15 convocatorias que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade realizou entre os anos 2011 e 2022 preto de 15.000 galegas e galegos obtiveron algunha acreditación a través deste procecemento. En global, convocáronse neste período un total de 23 cualificacións profesionais e ofertáronse 21.230 prazas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/01/2023